A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, foi convidada ao Comité Europeo das Rexións para compartir a experiencia rosaleira como exemplo en materia de enerxía e sostibilidade
O Concello xestionou máis de 5 millóns de euros de fondos europeos nos últimos cinco anos
Recuperar espazos públicos para as persoas, escolas rurais máis confortables, un 60% de aforro no alumeado público ou unha veciñanza organizada para producir e xestionar a súa propia electricidade. Son algúns dos exemplos cos que O Rosal levou a súa experiencia en sostibilidade e transición enerxética ao corazón das institucións europeas, onde a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, foi convidada ao Comité Europeo das Rexións, no que reclamou financiamento directo para os pequenos municipios e demostrou a capacidade real que teñen para liderar grandes transformacións.
O Rosal compartiu a súa experiencia no seminario ‘Developing Resilient Regional and Local Energy Communities in the EU’, organizado polo grupo da Alianza Europea no Comité Europeo das Rexións. Un encontro centrado no desenvolvemento de comunidades enerxéticas locais e rexionais resilientes na Unión Europea, no que representantes institucionais e especialistas abordaron o papel dos territorios na transición enerxética e os retos para impulsar modelos de enerxía máis participativos.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou a experiencia do Rosal que nos últimos cinco anos xestionou máis de 5 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation EU destinados principalmente a proxectos de eficiencia enerxética e sustentabilidade. “Ser un concello pequeno non significa ter pouca capacidade para impulsar cambios. No Rosal demostramos que podemos xestionar fondos europeos, desenvolver proxectos ambiciosos e conseguir transformacións que melloran de maneira directa a vida da veciñanza”, salientou a alcaldesa durante a súa intervención.
Para Fernández Callís, as actuacións levadas a cabo en materia de sostibilidade e enerxía neste tempo demostran que o financiamento europeo pode traducirse en resultados concretos e visibles “que a veciñanza percibe no seu día a día. Ese é o verdadeiro valor dos fondos europeos: a súa capacidade para transformar o territorio e responder ás necesidades reais da poboación”.
O Rosal Enerxía, un novo modelo de participación veciñal
A intervención da alcaldesa puxo tamén o foco na creación de O Rosal Enerxía, a comunidade enerxética local coa que o Concello quere dar un paso máis na transición cara a un modelo enerxético sostible e participativo. Fernández Callís explicou que o obxectivo non é unicamente reducir o consumo ou producir enerxía renovable, senón conseguir que a cidadanía teña un papel activo “na produció, na toma de decisións e na xestión colectiva dun recurso esencial para a vida diaria e que representa un dos principais gastos dos fogares”.
Máis financiamento europeo directo para os municipios
A alcaldesa aproveitou o encontro para reivindicar que os fondos europeos cheguen de maneira máis directa aos concellos para que poidan desenvolver proxectos adaptados ás características e necesidades dos seus territorios. Fernández Callís incidiu en que a dimensión destes proxectos non debe medirse unicamente polo seu investimento individual, senón tamén pola súa capacidade de transformación cando se reproducen en diferentes territorios.
“Un proxecto nun pequeno concello pode parecer modesto, pero se multiplicamos esas actuacións por milleiros de municipios europeos, o impacto é enorme. As políticas máis eficaces, máis conectadas coa realidade e con maior capacidade de transformación son as que se constrúen e executan desde abaixo, desde o propio territorio”, recalcou.
A participación do Rosal neste foro europeo permitiu así compartir os resultados dunha estratexia municipal que combina recuperación de espazos públicos, eficiencia enerxética e participación cidadá, ao tempo que situou sobre a mesa as necesidades dos pequenos municipios para continuar avanzando.

