O Rosal vaise de feira o 25 de xullo co AMDOR FEST 2026

Redacción

De Ninghures, un dos grupos galegos do momento, encabeza un cartel que completan os guardeses Boogies, DJs locais e unha ampla oferta gastronómica

Un mes. Só faltan 30 días para que O Rosal se vaia de feira e volva vivir unha desas noites que quedan na memoria. O AMDOR FEST 2026 xa ten cartel e a terceira edición do festival do 25 de xullo organizado polo Concello e a Agrupación Musical do Rosal promete superar o listón que deixaron Fillas de Cassandra e The Rapants nas edicións anteriores.
O cabeza de cartel deste ano é De Ninghures, un dos grupos galegos do momento, que traerá ao Rosal a súa feira nunha actuación que ateigará a Praza do Calvario coa súa mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Non será a única actuación da noite. O encargado de quentar o ambiente será Boogies, un grupo guardés que atravesa un dos seus mellores momentos tras gañar o concurso de maquetas do Millo Verde, un recoñecemento que os colocou no mapa e que fai desta actuación algo máis que unha apertura. A programación musical completarase coa sesión dos DJs locais Axel, Joselete e Robertlind, xunto a Olalla Gonzálezz, chegada desde Vigo para sumarse á festa rosaleira.
Como manda a tradición de calquera bo festival, a gastronomía terá o seu protagonismo: varias food trucks e a colaboración dos bares e hostaleiros da praza garantirán que ninguén pase fame nin sede ao longo dunha noite que se prevé longa e intensa.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mostrou o seu entusiasmo polo cartel desta edición. “Despois do éxito das dúas primeiras edicións, tiñamos o listón moi alto, e creo que este ano o superamos. De Ninghures é un dos grupos galegos que máis está a dar que falar agora mesmo, e traelos ao Rosal o 25 de xullo é un motivo de orgullo para todo o municipio”, recalcou. A rexedora salientou ademais a importancia de dar cabida tamén ao talento local e visibilizar o seu traballo nunha data tan importante e ante un público que se espera numeroso.

Comparte este artigo