Máis de 250 ciclistas de toda Galicia e do norte de Portugal participarán este sábado 6 nunha cita histórica
O Rosal volverá pedalear con forza nunha fin de semana na que o deporte será protagonista absoluto. O concello acollerá este sábado 6 de xuño a celebración do XX Trofeo Montes do Rosal, unha das citas máis consolidadas do calendario ciclista base galego, que este ano alcanza o seu vixésimo aniversario cunha importante novidade: a incorporación por primeira vez dunha quenda de ciclismo inclusivo, reforzando así o compromiso da proba coa igualdade de oportunidades e co deporte para todas as persoas.
Organizado polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello, da Comunidade de Montes de Santa Mariña do Rosal, da Federación Galega de Ciclismo, da Fundación Deporte Galego, da Deputación de Pontevedra e doutras entidades colaboradoras, o evento reunirá a máis de 250 deportistas de entre 3 e 18 anos procedentes de toda Galicia e do norte de Portugal.
A competición dará comezo ás 16.00 horas con saída e chegada na Praza do Calvario e contará coa participación de numerosos clubs ciclistas que competirán nas categorías promesas, principiantes, alevíns, infantís, cadetes e júnior, tanto en categoría masculina como feminina.
O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, destacou o valor dunha proba que “cumpre vinte anos consolidada como unha referencia para o ciclismo de base e que segue evolucionando para facerse máis aberta, participativa e inclusiva. Esta nova quenda é un paso importante para que o deporte siga sendo unha ferramenta de integración e de igualdade, ofrecendo oportunidades para que todas as persoas poidan desfrutar da práctica deportiva”.
Desde o Concello quérese poñer en valor o labor que desenvolve o Club Ciclista O Rosal ao longo de todo o ano e agradecer o esforzo das persoas voluntarias, entidades colaboradoras e veciñanza que fan posible a organización dun evento que xa forma parte da identidade deportiva do municipio.
Vinte anos despois da súa primeira edición, o Trofeo Montes do Rosal continúa medrando e demostrando que o deporte é tamén unha ferramenta para construír comunidade, fomentar valores e seguir abrindo camiño ás novas xeracións.

