O XIII Memorial Padre Marino e Antonio Fernández reunirá este sábado no Auditorio de Marín a música e a tradición galega

Redacción

A xornada, organizada pola Asociación Artístico-Cultural Os Chaneiros, comezará ás 19.00 horas cunha proxección documental e continuará cun festival tradicional e o concerto de Anxo Lorenzo

O Auditorio de Marín acollerá este sábado, 12 de setembro, o XIII Memorial Padre Marino e Antonio Fernández, unha cita organizada pola Asociación Artístico-Cultural Os Chaneiros que volverá combinar música, tradición e cultura galega nunha tarde-noite de homenaxe e celebración.

O programa do Memorial foi presentado onte pola Asociación Os Chaneiros e pola concelleira de Festas, Marián Sanmartín, que puxeron en valor a continuidade dunha iniciativa que forma parte do calendario cultural da vila e que permite reivindicar e difundir a música e o folclore tradicional galego.

A programación dará comezo ás 19.00 horas coa proxección do documental ‘Os Chaneiros, medio século de música’, unha peza audiovisual que percorre a traxectoria desta formación e o seu papel na conservación e divulgación da cultura musical galega ao longo dos seus 50 anos de historia.

A continuación, ás 19.30 horas, terá lugar o festival, no que participarán Danzas Pais de San Roque, Son de Nós, Os Chaneiros e Trompos Os Pés, ofrecendo ao público unha mostra da riqueza e diversidade da música e das danzas tradicionais.

A xornada pecharase ás 21.00 horas cun concerto protagonizado por Anxo Lorenzo, que aproveitará a cita para presentar o seu novo proxecto, ‘Avante’.
Desde a Asociación Os Chaneiros destacan o carácter especial desta decimoterceira edición do Memorial, unha cita coa que se pretende manter viva a memoria do Padre Mariño e Antonio Fernández ao tempo que se dá continuidade ao compromiso da entidade coa promoción da cultura e da música tradicional.

O XIII Memorial Padre Mariño – Antonio Fernández conta coa colaboración do Concello de Marín e da Deputación de Pontevedra.

Comparte este artigo