Oia énchese de deporte este sábado co Cross Escolar de Pedornes

Redacción

Este sábado o deporte volve a Oia cunha das súas citas máis senlleiras, a XIV edición do Cross Escolar de Pedornes. Os distintos percorridos son gratuítos e están deseñados para facilitar a participación de nenos e nenas de diversas idades, con distancias que van desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 1,7 quilómetros nas categorías superiores.

O evento, organizado conxuntamente polo Concello de Oia, o club Cornelios e a Comisión de Festas de Pedornes, e coa colaboración de Deporte Galego da Xunta de Galicia,  estaba inicialmente previsto para o mes de maio, se ben, por mor do mal tempo, quedou aprazado a este sábado 13 de xuño.

As carreiras darán comezo ás 17.00 horas no Eirado de Pedornes, mentres que a recollida de dorsais poderá realizarse previamente, a partir das 15.30 horas. Poderán participar no cross todos aqueles nenos/as que se inscribiran dentro do prazo establecido. No caso de que algún dos inscritos estea pendente de presentar a autorización correspondente por parte do pai/nai/persoa titora, poderá cubrir este trámite no propio día xusto antes do inicio das carreiras.

Para esta edición establécense un total de seis categorías, cada unha coa súa correspondente distancia:

  • Infantil (nados/as en 2013-14): 1.750 metros
  • Alevín (2015-16): 1.000 metros
  • Benxamín (2017-18): 500 metros
  • Pulgas (2019-20): 350 metros
  • Minipulgas (2021-22): 200 metros
  • Pulguiñas ((2023-24-25):100 metros

Unha carreira con historia

O Cross de Pedornes ten as súas orixes nos anos 80, grazas á iniciativa e ao traballo desinteresado de José Javier Pereira Feijoo, “Chicho”. Durante máis dunha década, este evento deportivo congregou a centos de participantes en cada edición, desde a súa primeira convocatoria en 1985 ata a última en 1996.

Tras anos de parón, a competición iniciou unha nova etapa en 2023, coa súa recuperación en formato escolar e consolidándose novamente como unha actividade deportiva de referencia no municipio. Con esta traxectoria ás súas costas, o Cross Escolar de Pedornes alcanza este ano a súa décimo cuarta edición, mantendo vivo o seu espírito participativo e comunitario.

Comparte este artigo