Oito asociacións de Mos contan con permiso para facer fogueiras polo San Xoán

Redacción

O Concello de Mos informa de que un total de oito entidades do municipio contan coa correspondente autorización para celebrar as tradicionais fogueiras de San Xoán na noite do 23 de xuño.

As entidades autorizadas son a Fundación Pazo de Mos, a Asociación de Veciños A Nosa Terra, a Asociación Veciñal e Cultural Ledicia de Sanguiñeda, a Asociación de Festas Castro de Herville, o Círculo Cultural Abrente, a Asociación de Veciños de Petelos, a Comisión de Festas de Santiaguiño e Santa Ana de Guizán e o Centro Cultural e Deportivo As Pedriñas.

A programación inclúe propostas para todos os públicos, combinando tradición, gastronomía e música. Así, veciños e visitantes poderán degustarsardiñadas, churrascadas, porco ao espeto, chouripáns, queimada e actuacións musicais en distintos puntos do municipio, convertendo a Noite de San Xoán nunha das citas festivas máis destacadas do calendario local.

Ademais das fogueiras autorizadas, outras parroquias de Mos acollerán celebracións e encontros veciñais, vinculados a esta tradición, aínda que sen a realización de lume. É o caso, por exemplo, de Louredo, onde a comisión de San Gregorio prepara una festa gastronómica para  ocasión.

O Concello de Mos anima á cidadanía a participar destas celebracións con responsabilidade, respectando as medidas de seguridade e prevención establecidas para garantir o correcto desenvolvemento da festa e a protección das persoas e do medio natural.

A Noite de San Xoán volverá converter Mos nun punto de encontro arredor dunha das tradicións máis arraigadas da cultura galega, fortalecendo os lazos veciñais e a participación comunitaria.

Comparte este artigo