Os curros de Oia incorporan actividades para achegar a súa tradición ao público

Redacción
Lectura mínima de 3

Os curros de Oia darán este ano un paso máis na súa posta en valor, converténdose nunha completa experiencia participativa a través da que achegarse a unha das tradicións máis emblemáticas e ancestrais da Serra da Groba. As citas da Valga, Torroña e Mougás serán o escenario dunha programación de actividades pensadas para todos os públicos, combinando lecer, educación patrimonial e conexión co territorio.

A iniciativa está impulsada polo proxecto local Amodo Turismo, baixo a marca Saberes do Monte e coa colaboración do Concello de Oia e das asociacións de gandeiros dos curros da Valga e da Groba. A través desta proposta, as persoas participantes poderán coñecer de maneira activa e amena os distintos saberes e o profundo arraigo cultural das rapas das bestas nesta zona.

Os tres curros contarán cun programa común de obradoiros, ao que se sumarán algunhas propostas específicas en cada localización e visitas guiadas.

Como cada ano, o curro da Valga abrirá a tempada o segundo domingo de maio (día 10). Entre as 15.00 e as 17.00 horas, antes do comezo da rapa, desenvolveranse obradoiros de calcomanías coas marcas das burras, calco de figuras de petróglifos de cabalos mediante a técnica do frottage e gravado de petróglifos en arxila.

No caso do curro de Torroña, que terá lugar o 7 de xuño, no mesmo horario ofreceranse as actividades de calcomanías, calco de petróglifos e un obradoiro de elaboración de pequenos coxíns (alfineteiros) recheos de crinas, achegando así materiais e saberes vinculados con esta tradición.

Pola súa banda, o curro de Mougás, previsto para o 14 de xuño, completará a programación con obradoiros de calcomanías, calco de petróglifos e unha actividade singular de elaboración de tinta natural. Ademais de fabricar a tinta tal e como se facía séculos atrás, as persoas participantes poderán practicar a escritura da palabra “curro” empregando as mesmas técnicas e logrando os mesmos acabados que se conservan na documentación histórica.

Todos os obradoiros son gratuítos e abertos a persoas de todas as idades. Para participar será preciso achegarse ao posto de Saberes do Monte instalado en cada curro, podendo acceder ás actividades por orde de chegada e ata esgotar o material dispoñible.

Visitas guiadas aos curros

Ademais dos obradoiros, a  programación tamén incluirá visitas guiadas que se celebrarán o mesmo domingo de cada curro ás 11.00 horas.

Esta actividade ten un custo de 12 euros para persoas adultas (con tarifas reducidas para público infantil) e require inscrición previa a través do teléfono/WhatsApp de Amodo Turismo: 677 783 296.

Comparte este artigo