Os deputados populares no Congreso reclaman a adopción de medidas extraordinarias de apoio ao marisqueo e solicitan que o Estado coordine os traballos de investigación para analizar as causas da crise produtiva do sector

Redacción
  • A deputada popular Rosa Quintana destacou que “ xa é hora de que o Goberno central poña todo o seu esforzo en coordinar e traballar para detectar cales son os problemas que están a afectar ao marisqueo e axudar así a un colectivo que deu tanto por Galicia e que necesitamos que o siga dando”.
  • Segundo expuxeron os populares, o Goberno de España non pode permanecer á marxe ante unha situación desta gravidade, especialmente cando concorren factores que transcenden o ámbito autonómico, como son o cambio climático, alteracións oceanográficas, contaminación, perda de produtividade das rías ou falta de coñecemento científico actualizado sobre as causas reais da elevada mortandad.
  • “Moitas mariscadoras e mariscadores levan meses sen apenas ingresos, mentres continúan soportando cotas e custos fixos. Ante unha emerxencia desta dimensión, o Goberno de España debería valorar todos os mecanismos excepcionais de apoio para evitar a deterioración irreversible dunha actividade fundamental para o litoral galego”, indicaron os populares.

Os deputados populares Rosa Quintana, Irene Garrido e Juan Bayón, acompañados da presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, avanzaron que o Grupo Parlamentario Popular galego no Congreso, ao completo, presentou unha proposición non de lei relativa á adopción de medidas extraordinarias de apoio ao marisqueo galego e ao impulso dunha estratexia científico-técnica para analizar as causas da crise produtiva do sector.

A deputada Rosa Quintana explicou que as mariscadoras levan moitísimos anos acreditando que son as que con maior sustentabilidade desenvolven o seu traballo diario e nestes momentos está a vivir unha situación complicada. “É certo que co presidente Alfonso Rueda á cabeza desde a Xunta de Galicia tense adoptado moitas medidas para intentar paliar a situación que están a vivir, pero tamén é necesario que o Goberno central se implica na defensa deste colectivo”, precisou.

“Necesitamos un coñecemento científico amplo para saber que é o que está a suceder nas nosas rías. Non nos vale a resposta que dá o Goberno central dicindo que o marisqueo é competencia da comunidade autónoma. É certo que a xestión do marisqueo é competencia da comunidade autónoma, pero non é menos certo que nestes momentos en toda a costa española están a producirse sucesos, como consecuencia do cambio climático, que aínda non sabemos o alcance que poden ter. Polo tanto, dado que o Instituto Español de Oceanografía que ten unha sede en Vigo, que temos a sede do Consello Superior de Investigacións Científicas, que está a Universidade de Vigo, é hora de que o Goberno central poña todo o seu esforzo en coordinar a todo este equipo de científicos para traballar e detectar cales son os problemas que están a afectar ao marisqueo e axudar así a un colectivo que deu tanto por Galicia e que necesitamos que o siga dando”, indicou Rosa Quintana.

Na iniciativa presentada se solicita que se reforce a investigación científica e a coordinación técnica entre organismos estatais e autonómicos para identificar con rigor as causas do descenso de produción e da mortandad do marisco; que se articule en coordinación coa Xunta e co propio sector, medidas extraordinarias de apoio social e económico para un colectivo que atravesa unha situación límite. “O Goberno de España non pode permanecer á marxe ante unha situación desta gravidade, especialmente cando concorren factores que transcenden o ámbito estritamente autonómico, como son o cambio climático, alteracións oceanográficas, contaminación, perda de produtividade das rías ou falta de coñecemento científico actualizado sobre as causas reais da elevada mortaldade do recurso”, solicitan os populares na iniciativa presenta no Congreso.

Os populares indicaron que moitas mariscadoras e mariscadores levan meses sen apenas ingresos, mentres continúan soportando cotas e custos fixos. Ante unha emerxencia desta dimensión, o Goberno de España debería valorar todos os mecanismos excepcionais de apoio para evitar a deterioración irreversible dunha actividade fundamental para o litoral galego.

”Hai que asumir que o marisqueo galego forma parte dun sector estratéxico para España e que, cando miles de familias ven ameazado o seu medio de vida, todas as administracións teñen a obrigación de colaborar e achegar solucións”, indicaron.

Segundo expuxeron os populares, o marisqueo constitúe unha actividade estratéxica para Galicia desde o punto de vista social, económico, territorial e cultural, da que dependen miles de familias directa ou indirectamente dunha actividade que, alén de xerar emprego e riqueza nas zonas costeiras, desempeña un papel esencial na fixación de poboación e no mantemento do tecido social do litoral galego.

Con todo, durante os últimos anos, e de forma especialmente intensa nos últimos meses, numerosas zonas marisqueiras galegas veñen rexistrando unha preocupante caída de produtividade e episodios de elevada mortandad do recurso, particularmente tras os temporais e fenómenos meteorolóxicos extremos sufridos durante o inverno, que provocaron importantes alteracións nas condicións de salinidade e no equilibrio ecolóxico das rías.

Comparte este artigo