Os socialistas de Catoira instan a Xoán Castaño a xubilarse ao ter cumprido 68 anos e aforrarlle ao Concello 60.000 euros

Redacción
Lectura mínima de 3

A agrupación reclama responsabilidade na xestión trala subida indiscriminada dos impostos municipais acordada polo alcalde

O grupo municipal socialista de Catoira volve trasladar publicamente a súa preocupación polo estado no que se atopa o Concello baixo o mandato do alcalde Xoán Xosé Castaño. A formación lembra que, no que vai de ano, xa fixo públicas diversas advertencias sobre irregularidades contables, problemas de xestión e unha situación económica que consideran “insostible” para un municipio das características de Catoira.

Segundo expón o PSdeG, o Concello arrastra desorde administrativa, falta de planificación e un deterioro progresivo dos servizos públicos, situación que atribúen ao “xeito caótico de gobernar” do actual rexedor. Os socialistas lembran que, ao longo dos últimos meses, fixeron constar a existencia de incidencias contables, discrepancias nos informes económicos e unha xestión que, ao seu entender, compromete a estabilidade financeira da institución como se recolle nos reparos e informes negativos de Secretaría e Intervención.

A formación socialista subliña que estas advertencias non son illadas, senón que se producen nun contexto no que, segundo indican, o Concello presenta problemas recorrentes de organización interna, acumulación de tarefas pendentes e dificultades para avanzar en cuestións estruturais como a aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha demanda histórica da plantilla municipal.

Neste escenario, o grupo municipal socialista considera que o alcalde debería renunciar ao salario que percibe do Concello e acollerse á súa xubilación profesional ao ter cumpridos 68 anos de idade. O PSdeG lembra que outros rexedores nacionalistas da provincia xa optaron por esta vía, permitindo así unha reorganización máis eficiente dos recursos municipais. Os socialistas sosteñen que a dedicación exclusiva do alcalde, tendo en conta a nefasta xestión desenvolvida nos últimos catro anos, podería ser redistribuída entre o persoal municipal, contribuíndo a reforzar servizos, mellorar a estrutura organizativa e facilitar a aprobación da RPT. A formación defende que esta redistribución permitiría “optimizar recursos, mellorar o funcionamento interno e avanzar cara a unha administración máis ordenada e eficaz”.

O grupo municipal socialista conclúe que a situación actual require “responsabilidade, estabilidade e unha xestión rigorosa dos fondos públicos”, polo que insta ao alcalde a reflexionar sobre o impacto da súa continuidade en dedicación exclusiva cando pode percibir o seu salario da Seguridade Social.

Comparte este artigo