O futuro Módulo Cuberto de Atletismo permitirá o seu uso durante os 365 días do ano
Ponteareas abre unha nova etapa para o deporte cunha infraestrutura chamada a marcar un antes e un despois na historia do atletismo do municipio. Coa aprobación definitiva do financiamento do novo Módulo Cuberto de Atletismo, o Concello de Ponteareas fai realidade un proxecto concibido para que as vindeiras xeracións dispoñan, por fin, dunhas instalacións á altura da extraordinaria tradición atlética do noso municipio.
Esta actuación, que supón un investimento próximo aos 4,3 millóns de euros, permitirá dotar a Ponteareas dunha infraestrutura moderna, funcional e preparada para responder ás necesidades do atletismo actual, garantindo o adestramento durante os 365 días do ano e reforzando a aposta do Concello polo deporte base, a tecnificación e a promoción de hábitos de vida saudables.
O proxecto incorpora no deseño as achegas realizadas pola Federación Galega de Atletismo e apoiase na necesidade de apostar por unha instalación máis completa, versátil e adaptada ás necesidades reais dos deportistas.
O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, destacou que “o noso obxectivo nunca foi facer unha infraestrutura máis, senón construír a que realmente necesitaba Ponteareas para seguir sendo unha referencia do atletismo galego durante as próximas décadas”, Este módulo cuberto, “que suporá o terceiro pavillón polivalente para distintas modalidades deportivas” engadiu González, permitirá mellorar a preparación dos deportistas de base, impulsar programas de tecnificación, favorecer a celebración de concentracións deportivas, complementar o resto das instalacións municipais e ofrecer a nenos, mozos e clubs un espazo axeitado para adestrar con independencia das condicións meteorolóxicas.
Descubrir o atletismo
Pero este proxecto vai moito máis alá da construción dunha instalación deportiva. Supón crear un espazo onde centos de nenos e mozos poidan descubrir o atletismo, medrar como deportistas, desenvolver todo o seu potencial e seguir soñando con alcanzar as metas que tantas xeracións de atletas de Ponteareas fixeron realidade.
A alcaldesa, Nava Castro, destacou que “todo gran deportista comeza sendo un neno ou unha nena chea de ilusión. A nosa responsabilidade é ofrecerlles as mellores oportunidades para que poidan desenvolver todo o seu talento. Este módulo cuberto é un investimento nas persoas, na saúde, no deporte e no futuro de Ponteareas”.
A rexedora lembrou tamén que Ponteareas foi historicamente unha das grandes canteiras do atletismo galego e que esta actuación permitirá seguir fortalecendo esa identidade deportiva. “Non estamos construíndo unicamente un edificio; estamos creando oportunidades para as próximas xeracións e reforzando un dos sinais de identidade que mellor representan o esforzo, a constancia e o talento do noso municipio”, afirmou.
Proposta similar do BNG
Nava Castro sinalou ademais que “resulta sorprendente que o que outras administracións consideran unha aposta acertada para as súas cidades algúns pretendan cuestionalo cando se trata de Ponteareas”. Neste sentido, lembrou que o Concello de Pontevedra vén de anunciar un proxecto de características semellantes, cunha pista curta cuberta destinada ao adestramento invernal, “un exemplo de que este tipo de infraestruturas responden ás necesidades reais do atletismo moderno”.
A alcaldesa engadiu que “quen durante oito anos non impulsou ningunha nova infraestrutura deportiva dificilmente pode dar leccións sobre planificación deportiva. Nós preferimos dedicar os nosos esforzos a escoitar, traballar, investir e deixar proxectos útiles que permanezan ao servizo da veciñanza durante moitos anos”.
Referentes consolidados
Este modelo de instalación conta ademais con referentes plenamente consolidados en Galicia, como o módulo cuberto do IFEVI, impulsado pola Xunta de Galicia; o módulo da Fieiteira, en Ribeira; ou os espazos de adestramento habilitados baixo a bancada do estadio municipal de Balaídos, demostrando que se trata dun formato plenamente implantado e eficaz para complementar as instalacións ao aire libre.
Coincidindo co 75 aniversario da S.D. Juvenil, este proxecto constitúe tamén unha homenaxe a todas as xeracións de atletas, adestradores, familias e persoas voluntarias que, co seu esforzo e dedicación, converteron Ponteareas nunha das grandes referencias do atletismo galego.

