O goberno municipal informa de que xa foron aprobadas as bases que rexen esta nova convocatoria, abríndose un prazo de presentación de solicitudes de 10 días hábiles, desde o 27 de abril ata o 11 de maio
Ponteareas acada por terceiro ano consecutivo o programa “Fórmate na Empresa 2026” para impulsar a empregabilidade da mocidade
O Concello de Ponteareas vén de ser seleccionado, por terceiro ano consecutivo, no programa de estadías formativas en empresas dirixido a persoas mozas inscritas e beneficiarias do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, “Fórmate na Empresa 2026”, consolidándose como o único concello galego participante nesta iniciativa.
O goberno municipal informa de que xa foron aprobadas as bases que rexen esta nova convocatoria, abríndose un prazo de presentación de solicitudes de 10 días hábiles, desde o 27 de abril ata o 11 de maio.
O programa permitirá a participación dun total de 12 persoas mozas de entre 18 e 30 anos, co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade a través da adquisición de experiencia profesional en contornos reais de traballo.
A finalidade desta iniciativa é reforzar as habilidades e competencias profesionais da mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, favorecendo a súa inserción laboral. Entre os principais obxectivos destacan impulsar a formación práctica en empresas, achegar ás persoas mozas á realidade empresarial, fomentar a súa autonomía persoal e contribuír á captación e retención de talento en sectores económicos estratéxicos.
As persoas participantes deberán ter entre 18 e 30 anos no momento da selección, estar empadroadas en Galicia cunha antigüidade mínima dun ano e figurar inscritas como beneficiarias no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
Durante o programa, as persoas seleccionadas percibirán unha bolsa mensual de 690,66 euros, que poderá incrementarse nos casos previstos pola normativa, como situacións de discapacidade ou desprazamento. As estadías formativas terán unha duración de catro meses, cun mínimo de 100 horas mensuais e unha dedicación de polo menos catro días á semana. Ademais, as persoas participantes recibirán formación complementaria en competencias profesionais, así como titorización e seguimento continuo.
Do total de prazas ofertadas, 12 en total, resérvanse 2 para persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade social, sempre que estas circunstancias estean debidamente acreditadas.
As estadías desenvolveranse en empresas e entidades de distintos sectores estratéxicos da economía galega, como INSDEGA XXI, S.L. (deportivo e lecer), ALGAZARA HOME, S.L. (textil/moda), CONSULTORÍA CONDADO PARADANTA, S.L. e CENTRO DE NEGOCIOS ASERGALICIA, S.L. (servizos empresariais), SILVAREIRA SERVICIOS FORESTALES, S.L. (forestal), ELENA PÉREZ VÁZQUEZ (Uniformes Elena Pérez), ademais do propio Concello de Ponteareas.
A concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas, destacou que “este programa representa unha grande oportunidade tanto para a mocidade como para o tecido empresarial local, xa que permite ás empresas contactar co talento novo do noso territorio, contribuíndo a xerar sinerxías e oportunidades reais de inserción laboral”.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, salientou que “seguimos a traballar nunha estratexia clara de impulso ao talento mozo, ofrecendo oportunidades formativas e laborais sen necesidade de saír da nosa vila. Queremos que a mocidade vexa en Ponteareas un lugar onde desenvolver o seu futuro”.
A rexedora tamén quixo agradecer a implicación das empresas participantes, subliñando “a importancia do traballo transversal entre administración, tecido empresarial e xuventude, integrando distintos sectores e fomentando o emprendemento como motor de desenvolvemento local”.
Con esta nova edición de “Fórmate na Empresa”, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa formación, o emprego e o futuro da súa mocidade.

