O evento, que terá lugar do 16 ao 22, é xa un referente no calendario musical galego
Hoxe tivo lugar a presentación do “XIV Festival Groba”, un evento musical que un ano máis se celebrará en Ponteareas no mes de agosto, do 16 ao 22, e que volverá a situar a música clásica, a creación galega e o legado do maestro Rogelio Groba no centro da súa programación. O evento está organizado pola Orquestra de Cámara Galega e a Fundación Rogelio Groba, contando coa colaboración do Concello de Ponteareas, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. As entradas serán gratuítas, tratando de achegar a este tipo de música a todos os públicos e manter vivo o legado de Rogelio Groba.
O acto contou coa participación de Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Anxo Lorenzo, Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Nava Castro, alcaldesa do Concello de Ponteareas; Juan Carlos González, concelleiro de Cultura do concello de Ponteareas; e Rogelio Groba Otero, director artístico do Festival Groba e da Orquestra de Cámara Galega, ademais de Presidente da Fundación Rogelio Groba.
Durante a presentación déronse a coñecer os principais contidos desta nova edición, que contará un ano máis coa Orquestra de Cámara Galega como orquestra residente e coa participación de intérpretes de figuras salientables do panorama musical actúal como Alexandra Tirsu, Julien Quentin, Darío Mariño, Kyril Zlotnikov, Alena Baeva, Anna Sarkisova, Hrachya Avanesyan, Jean-Baptiste Doulcet, Vincent Tohier e Pablo Diago Busto.
Rogelio Groba Otero destacou que o festival é “memoria, presente e futuro”, unha forma de celebrar a música, o talento e o compromiso coa cultura. Na súa intervención agradeceu especialmente o apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas, institucións que fan posible que o Festival Groba continúe crecendo e consolidándose como unha cita cultural de referencia.
O concelleiro de Cultura de Ponteareas, Juan Carlos González, destacou a importancia de acoller un evento de tan alto nivel, “podendo desfrutar da calidade musical de grandes figuras do panorama musical internacional”. Sen dúbida, “é un luxo contar en Ponteareas cun festival destas características”, engade González.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, quixo facer fincapé no feito de que, polo alto nivel do evento, podería celebrarse en calquera das principais cidades galegas, pero se celebra en Ponteareas, algo que nos enche de orgullo e satifacción, xa que estamos ante un evento de relevancia internacional”. Nava aproveitou tamén para agradecer o “apoio decidido da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia” ao certame.
Con esta nova edición, o Festival Groba reafirma o seu papel como un dos encontros musicais máis significativos do calendario cultural galego, combinando excelencia artística, difusión do patrimonio musical galego, apoio ás novas xeracións e acceso de todos os públicos a unha programación de calidade.

