Ponteareas consegue máis de 1,5 millóns de fondos europeos para converter MercaTea nun referente dos mercados intelixentes en Galicia

Redacción

O proxecto Smart MercaTea supera a avaliación de Red.es cun orzamento de 1.507.722 euros e permitirá dar un novo salto na dixitalización do comercio local, convertendo a Ponteareas nun dos mercados municipais máis modernos, tecnolóxicos e conectados de Galicia.

MercaTea, recoñecido xa pola Xunta de Galicia como Mercado Excelente de Galicia, incorporará marketplace propio, taquillas refrixeradas nas parroquias, intelixencia artificial, un xemelgo dixital e sistemas intelixentes de xestión

O Concello de Ponteareas celebra un novo e importante éxito na captación de fondos europeos, despois de que o proxecto municipal “Smart MercaTea – Mercado Intelixente de Ponteareas” superase a avaliación do Programa de Impulso ás Cidades e Territorios Intelixentes para o Fomento do Desenvolvemento Económico e Produtivo, xestionado por Red.es e vinculado aos fondos europeos FEDER 2021-2027.

A documentación publicada por Red.es inclúe ao Concello de Ponteareas cun orzamento de 1.507.722,34 euros, dentro das iniciativas que superaron os limiares establecidos nos criterios de valoración da convocatoria. Este novo logro permitirá seguir avanzando na transformación de MercaTea, que xa conta co recoñecemento de Mercado Excelente de Galicia, outorgado pola Xunta de Galicia, consolidándoo agora tamén como un referente en innovación, dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías ao comercio de proximidade.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destaca que «este resultado é un enorme éxito para Ponteareas. Conseguimos máis de 1,5 millóns de euros para seguir facendo crecer un proxecto que xa foi recoñecido pola Xunta de Galicia como Mercado Excelente e que agora queremos situar tamén á vangarda dos mercados intelixentes».

Mercado intelixente

Smart MercaTea permitirá dar un novo salto cualitativo nun equipamento municipal que xa se converteu nunha peza central da estratexia de dinamización económica e comercial do Concello. O proxecto contempla catro grandes actuacións: a transformación dixital do mercado mediante tecnoloxía IoT, a creación dunha infraestrutura avanzada de conectividade, a transformación dixital do punto de venda e a creación dun xemelgo dixital do Mercado de Ponteareas.

Entre as medidas máis novedosas figura a posta en funcionamento dun marketplace municipal, que permitirá aos comerciantes vender os seus produtos por internet, acompañado dunha aplicación para os consumidores, sistemas de fidelización e ferramentas de trazabilidade mediante códigos QR e tecnoloxía NFC.

Un dos elementos diferenciais será a instalación de dez taquillas intelixentes refrixeradas nas principais parroquias de Ponteareas, de maneira que os veciños e veciñas poidan realizar as súas compras en MercaTea a través da canle dixital e recoller posteriormente os seus produtos preto dos seus domicilios.

«MercaTea naceu coa ambición de recuperar o Mercado Municipal e convertelo nun verdadeiro motor económico e comercial. O recoñecemento como Mercado Excelente de Galicia confirmou que iamos polo bo camiño, e agora estes novos fondos permítennos afrontar unha segunda gran transformación: convertelo nun mercado intelixente, conectado e preparado para o futuro», sinala Castro.

Xemelgo dixital

O mercado incorporará ademais sistemas IoT e sensores capaces de obter datos sobre afluencia, condicións ambientais, consumo enerxético e funcionamento das instalacións, permitindo mellorar tanto a xestión municipal como as decisións dos propios comerciantes.

A iso sumarase un xemelgo dixital de MercaTea, unha réplica virtual alimentada con información en tempo real e dotada de intelixencia artificial e capacidades de modelado preditivo, que permitirá analizar fluxos de visitantes, anticipar necesidades e optimizar aspectos como o consumo enerxético.

Tecnoloxía para todos

Smart MercaTea presegue ampliar as posibilidades de venda os comerciantes, facilitar as compras á cidadanía, reforzar a competitividade do pequeno comercio e crear unha infraestrutura tecnolóxica que poida estenderse progresivamente a outros establecementos do municipio. Desta maneira, MercaTea actuará como punto de partida e demostrador dun futuro ecosistema dixital do comercio local de Ponteareas, conectando o núcleo urbano coas parroquias e facendo que a transformación dixital beneficie ao conxunto do municipio.

O Goberno local pon especialmente en valor a capacidade do Concello para continuar captando financiamento externo para proxectos estratéxicos. «Este é o camiño que queremos seguir, ter proxectos preparados, competir polos fondos e conseguir recursos para Ponteareas. Cada novo financiamento que logramos permítennos acelerar a transformación do municipio e executar actuacións que doutro xeito suporían un esforzo moito maior para as arcas municipais», destaca a alcaldesa.

Con este novo proxecto, Ponteareas suma innovación ao recoñecemento de excelencia que xa posúe MercaTea e avanza para dispoñer dun dos mercados municipais máis modernos, tecnolóxicos e conectados de Galicia.

Comparte este artigo