O Concello de Ponteareas vén de acadar un novo obradoiro dual de emprego, denominado “Val do Tea II”, que contará cun investimento total de 483.552,00 euros, financiado con cargo ao orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.
O programa terá unha duración de 9 meses e permitirá a formación e contratación de 20 alumnos/as traballadores/as, distribuídos nas especialidades de albanelería/carpintería e xardinería/forestal, sectores con alta demanda laboral.
A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a importancia desta nova achega:
“A consecución dun novo obradoiro dual de emprego é unha magnífica noticia para Ponteareas. Supón, en primeiro lugar, unha oportunidade directa para mellorar a empregabilidade da nosa veciñanza, ofrecendo formación práctica e cualificada en sectores con demanda real como a carpintería, a albanelería ou a xardinería e forestal.”
A rexedora puxo en valor tamén o traballo realizado polo grupo de goberno, “é tamén un recoñecemento ao esforzo que estamos a facer desde o Concello para captar recursos doutras administracións e poñelos ao servizo das persoas. Apostamos por políticas activas de emprego que dean oportunidades reais, especialmente a quen máis o precisa.”
Pola súa banda, a concelleira de Emprego, Silvia Fernández Táboas, subliñou o impacto global deste tipo de iniciativas,“este tipo de programas permiten combinar formación e traballo, o que repercute tamén na mellora de espazos públicos, na recuperación de patrimonio e na prestación de servizos de utilidade para o conxunto da cidadanía.”
Fernández incidiu tamén na visión estratéxica do proxecto:“en definitiva, este obradoiro non é só un proxecto formativo, é unha ferramenta para construír futuro, xerar oportunidades e seguir avanzando como vila. Unha vez máis avanzamos na nosa estratexia de goberno.”
Actuacións con impacto directo na cidadanía
O obradoiro dual de emprego “Val do Tea II” permitirá desenvolver actuacións de clara contribución social e mellora do entorno urbano e natural do municipio, reforma de infraestruturas públicas e mellora da funcionalidade de equipamentos municipais, incluíndo traballos de conservación e a instalación de novos elementos en diferentes puntos do municipio.
Na área forestal e xardinería entre algúns traballos nos que contribuirán está a mellora forestal, prevención de incendios, conservación ambiental e posta en valor de espazos naturais con potencial turístico ou na ordenación dos espazos, creación de masas vexetais, plantación de arborado e na mellora das condicións do solo e sistemas de rego.
Con esta nova iniciativa, o Concello de Ponteareas reforza o seu compromiso coa formación, o emprego e a mellora da calidade de vida da súa veciñanza, consolidando unha liña de traballo baseada na captación de recursos e na creación de oportunidades reais.

