O Concello sacou a licitación pública as obra do novo parque e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 31 de agosto
Este proxecto renovará por completo un histórico espacio, incrementará as zonas verdes e a biodiversidade e creará novos espacios de paseo, ocio, estancia e convivencia
O Concello de Ponteareas sacou oficialmente a licitación as obras do novo Parque Público de A Feira Vella. A actuación conta cun orzamento de 263.699,99 euros para acometer a remodelación integral dun dos espazos públicos máis emblemáticos e con maior historia da vila. O proxecto leva a sinatura do prestixioso doutor enxeñeiro e paisaxista Pedro Calaza Martínez. O anuncio de licitación foi publicado na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23:59 horas do vindeiro 31 de agosto.
A actuación permitirá transformar A Feira Vella nun parque urbano renovado, máis verde, accesible, sostible e pensado para o uso diario da cidadanía, recuperando ao mesmo tempo a identidade dun lugar que historicamente acolleu a feira de gando e outros usos tradicionais de Ponteareas. O proxecto parte precisamente dese valor histórico e propón recuperar a esencia deste espazo adaptándoo ás necesidades actuais do municipio.
A concelleira de Medio Ambiente, Silvia Fernández, puxo de manifesto que este proxecto supón un novo paso na transformación de Ponteareas, xa que a Feira Vella vaise converter “nun gran parque urbano, máis verde, máis accesible e con máis posibilidades para o encontro, o paseo, o lecer e a convivencia de persoas de todas as idades”, expuxo Silvia.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, puxo de manifesto que non se trata simplemente de reformar un parque, senón que se quere crear “o pulmón verde no corazón de Ponteareas, que tanto se necesita recuperando para a cidadanía un espazo histórico da nosa vila, pero adaptado ao século XXI e devolvéndollo aos veciños completamente renovado”.
Nava incidiu en que esta actuación “completa unha transformación moi importante desta zona da vila”, coa nova escola infantil, a apertura do novo Mercado Municipal Mercatea e agora coa recuperación e ampliación da Feira Vella como gran espazo verde público. “Estamos a construír unha Ponteareas máis amable, máis verde e con espazos públicos de maior calidade para vivir e desfrutar”, apuntillou a alcaldesa.
Ao detalle
A intervención abarca o actual Parque da Feira Vella e o ámbito liberado pola gardería municipal, despois da construción da nova escola infantil municipal. Esta circunstancia permite ampliar a superficie destinada a zona verde e incrementar a cobertura arbórea urbana, integrando os diferentes ámbitos nun único espazo público.
O proxecto contempla unha renovación integral dos pavimentos e dos percorridos peonís, movementos de terras, novos espazos de estancia, melloras de accesibilidade e seguridade, renovación das instalacións de rega e incorporación de novo mobiliario e equipamento. A actuación esténdese tamén ás beirarrúas e a parte das zonas de aparcamento das rúas Castañal e Carballos, favorecendo unha mellor integración do parque coa súa contorna urbana.
Un dos elementos centrais será a renaturalización da Feira Vella. Conservarase e poñerá en valor o arboredo existente e incorporaranse novas especies arbóreas, arbustivas e herbáceas. O proxecto prevé tamén mellorar o chan e incrementar as superficies permeables, empregando solucións orientadas a favorecer a biodiversidade, os servizos ecosistémicos e a sustentabilidade do parque. A transformación pretende ademais potenciar o carácter multifuncional da Feira Vella como lugar para pasear, descansar, xogar, desenvolver actividades culturais e favorecer o encontro e a convivencia, mantendo e reforzando a súa vinculación histórica cos usos sociais e festivos da vila. A proposta paisaxística recolleita no proxecto combina zonas arboredos e axardinadas, percorridos peonís, áreas abertas e espazos destinados á estancia e ás actividades cidadás.

