• Iago Acuña critica “a falta de planificación e implicación” do Gobierno do BNG tras lembrar que “as competencias sobre o estacionamento son exclusivamente do Concello”
• O concelleiro lembra que Santiago de Compostela e Vigo impulsaron aparcadoiros gratuítos en parcelas municipais “mentres Lores non asume as súas responsabilidades” en Pontevedra
O Partido Popular de Pontevedra volveu a esixir ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, que deixe eludir as súas responsabilidades en materia de mobilidade e busque solucións ante a necesidade de aumentar urxentemente as prazas de aparcamento público gratuíto na contorna do hospital Novo Montecelo.
O concelleiro do PP Iago Acuña criticou “a falta de planificación e de implicación” do Gobierno do BNG para facilitar o acceso hospitalario a miles de usuarios e ao persoal sanitario, tras lembrar que “as competencias sobre o estacionamento de vehículos no ámbito municipal son exclusivamente do Concello”.
Neste sentido, o edil popular pediu a Lores que bote unha ollada a cidades próximas como Santiago de Compostela ou Vigo, onde os gobernos locais impulsaron aparcamentos gratuítos en parcelas municipais ao aire libre, ofrecendo alternativas sen custo para os cidadáns nas proximidades dos seus principais centros hospitalarios.
O PP de Pontevedra reclamou en numerosas ocasións a necesidade de aumentar o número de aparcamentos disuasorios, na contorna urbana e en zonas estratéxicas da cidade como é a contorna de Montecelo.
Ademais, Acuña lamentou que o Goberno local rexeitase a proposta do líder do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, para a implantación de roteiros de autobuses lanzadeira desde distintos puntos da cidade ata o hospital. “Unha vez máis, o BNG di non a iniciativas que mellorarían significativamente a mobilidade, contribuíndo ao uso do transporte público e a aliviar a presión que existe sobre o aparcamento”, engadiu.
Tamén advertiu de que a situación vai camiño de agravarse coa ampliación do complexo hospitalario pontevedrés, o que supoñerá un incremento notable e inminente da demanda de estacionamento na zona.
Por todo iso, o concelleiro popular esixiu que “o Goberno de Lores deixe de mirar para outro lado e póñase a buscar terreos para evitar que se agrave aínda máis a situación. O Concello de Pontevedra debe actuar xa, asumir responsabilidades e traballar en solucións reais para as persoas afectadas”, concluíu.

