O goberno local destina 30.000 euros ao apoio do deporte base, a participación feminina, as disciplinas infrarepresentadas e o alto rendemento no municipio
O Concello de Vilaboa vén de activar a convocatoria anual de subvencións destinadas a persoas deportistas, asociacións e entidades sen ánimo de lucro que participan en competicións oficiais federadas. A Xunta de Goberno Local aprobou as bases na sesión do 11 de xuño e o anuncio foi publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, polo que o prazo de presentación de solicitudes queda aberto durante 20 días naturais.
A convocatoria, dotada cun importe global de 30.000 euros, busca reforzar o compromiso municipal co deporte en todas as súas dimensións: desde o apoio ao alto rendemento ata o impulso do deporte base, a promoción da participación feminina e o fomento das disciplinas infrarepresentadas. O Concello subliña que estas axudas “son unha ferramenta esencial para acompañar o esforzo das entidades e das persoas deportistas que representan a Vilaboa en competicións oficiais e que contribúen a construír unha comunidade máis activa, igualitaria e saudable”.
As bases establecen un sistema de concorrencia competitiva no que a valoración se realizará mediante criterios obxectivos: número de licenzas de deporte base, presenza feminina, organización de actividades deportivas no municipio, participación en competicións de elite e representación en deportes minoritarios. Cada epígrafe conta cunha ponderación específica que permitirá distribuír os fondos de maneira proporcional e transparente.
As persoas deportistas interesadas deberán estar empadroadas en Vilaboa cun ano mínimo de antigüidade e contar con licenza federativa en vigor, ademais de acreditar a condición de deportista de elite cando corresponda. No caso das entidades, deberán estar legalmente constituídas, federadas, domiciliadas no municipio e inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións. Tanto persoas como clubs deberán estar ao corrente das obrigas tributarias e ter xustificadas axudas anteriores.
Ademais, as bases recollen con claridade os gastos subvencionables, que deberán estar directamente vinculados coa actividade deportiva realizada entre o 1 de decembro de 2025 e o 30 de novembro de 2026. Entre eles inclúense os desprazamentos para adestramentos e competicións, a adquisición de equipacións e material deportivo, as inscricións en eventos oficiais ou fichas anuais, así como investimentos e reparacións en instalacións deportivas propias. Quedan excluídos, en cambio, xuros bancarios, sancións, gastos xudiciais ou calquera factura emitida por membros da directiva da entidade solicitante, garantindo así un uso rigoroso e transparente dos fondos públicos.
As solicitudes presentaranse mediante o modelo oficial , acompañado da documentación requirida: declaración responsable, certificación bancaria, memoria da actividade e orzamento de gastos. O Concello poderá solicitar información adicional se fose necesario para completar a valoración.
Unha vez rematado o prazo, a Comisión de Valoración analizará cada proposta e emitirá un informe técnico que servirá de base para a resolución da Xunta de Goberno Local. O prazo máximo para resolver é de tres meses desde a publicación da convocatoria. As persoas e entidades beneficiarias deberán xustificar os gastos antes do 10 de decembro de 2026, achegando facturas e comprobantes de pagamento segundo o establecido nas bases.
O Concello de Vilaboa anima a todas as entidades e deportistas federados do municipio a participar nesta convocatoria, que reforza o compromiso municipal cun deporte accesible, diverso e de calidade, e que recoñece o esforzo colectivo que sostén a actividade deportiva ao longo de todo o ano.

