Tras o éxito das anteriores edicións de viaxes para maiores, o Concello de Redondela organiza este ano tres visitas guiadas . O programa “Redondela viaxa” desprazou esta primavera a preto de 900 maiores do municipio en dúas viaxes: a primeira delas ás localidades de Padrón e Santiago de Compostela, e a segunda ás cidades portuguesas de Barcelos e Viana. O programa, dependente da concellería de Maiores que dirixe Iria Vilaboa, realizará este ano unha terceira viaxe guiada despois da temporada estival.
A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que este programa faise co obxectivo ofrecer ás persoas maiores “a posibilidade de gozar de excursións dun día de duración a lugares de interese cultural, histórico e patrimonial”. As viaxes realízanse en temporada baixa e cun prezo reducido “para facilitar que todas as persoas que o desexen poidan participar”.
Todas as saídas contan con guías oficiais de turismo que acompañan aos grupos, e desde o Concello de Redondela agradecen tamén a colaboración dos municipios que visitan “onde nos reciben cos brazos abertos e facilitan as visitas aos lugares de interese desde as súas oficinas de información turística”.
Vilaboa salienta “a boa acollida e o interese que espertan estas viaxes entre os maiores de Redondela”, que lles permiten coñecer lugares de interese cultural e tamén “socializar, facer actividades ao aire libre e pasar tempo de calidade con veciños e veciñas”. Desde o departamento de Servizos Sociais do Concello apostan porque o maior número de persoas posible teña a oportunidade de participar neste programa, e realizarase unha terceira viaxe despois do verán na que se ofertarán 450 prazas.