– Máis de 60 tiradores de España, Portugal, Italia, Ucraína e Rusia daranse cita no pavillón municipal da Marisma neste importante evento deportivo. O 8º Torneo Vila de Redondela é puntuable para a Liga Galega de HEMA e os seus resultados computarán para o ranking mundial da disciplina.
– O concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, e Damián Troncoso, director da Sala Viguesa de Esgrima Antiga, destacan o salto de calidade e a proxección internacional desta cita “que será un espectáculo de gran nivel”.
Redondela volverá respirar aceiro, historia e competición este sábado 20 de xuño coa celebración do 8º Torneo de Esgrima Histórica Vila de Redondela, unha das citas máis consolidadas do calendario galego de Artes Marciais Históricas Europeas. O evento está organizado pola Sala Viguesa de Esgrima Antiga xunto coa Concellería de Deportes de Redondela. A edición deste ano dá un novo salto internacional coa presenza de tiradores chegados dende Italia, Ucraína e Rusia, que competirán xunto a deportistas procedentes de distintos puntos de España e Portugal. Isto confirma o crecemento dun torneo que ano tras ano gaña peso deportivo e poder de convocatoria.
O concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, sinalou que “é un orgullo acoller unha competición que sitúa a Redondela no mapa internacional e que dinamiza a nosa hostalería.É unha oportunidade única para gozar de balde dun deporte que combina esixencia física e rigor histórico”. Pola súa banda, Damián Troncoso, en representación da Sala Viguesa de Esgrima Antiga, destaca que o torneo medra en cada edición: “Este ano, ao puntuar para o ranking mundial e contar con tiradores de primeiro nivel, o espectáculo está garantido. Agradecemos o apoio incondicional do Concello”.
A xornada permitirá ao público gozar de tres das disciplinas máis representativas da esgrima histórica europea. O torneo celebrarase no pavillón municipal da Marisma cunha programación continua durante toda a xornada:
- 10:00 h – Torneo de espada medieval e escudo broquel.
- 12:00 h – Torneo de espada ropera (séculos XVI e XVII).
- 16:00 h – Torneo de espada longa a dúas mans.
- 19:00 h – Entrega de trofeos.
A Sala Viguesa de Esgrima Antiga desenvolve dende hai 19 anos un labor continuado de recuperación, práctica e divulgación destas artes marciais. Tanto o Concello de Redondela como a organización convidan a toda a veciñanza a achegarse ao pavillón para gozar da espectacularidade destes combates.

