– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que a vila transformarase “nun gran escenario ao aire libre co mellor ambiente cultural”. Todas as actuacións son de balde con propostas de gran nivel como o Mago Orbit, o artista Lg1do, o espectáculo Quimera de Pablo Méndez e os títeres dos redondeláns Tanxarina.
– O cartel artístico completarase coa animación da campaña ‘Aloha! Shopping Night’ con descontos, promocións e sorteos en máis de 40 comercios locais que abrirán as súas portas ata a media noite.
O Concello de Redondela presentou hoxe a programación da XXVII edición do Festival ‘Artistas de Rúa’. A gran cita cultural do vindeiro venres 31 de xullo dará un salto cualitativo este ano ao situar o talento artístico, a maxia e as artes escénicas de vangarda como protagonistas da xornada. As prazas e espazos públicos da vila transformaranse para acoller unha coidada selección de espectáculos gratuítos de gran formato, que compartirán protagonismo coa iniciativa de dinamización ‘Aloha! Shopping Night’ do comercio local.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu orgullo pola proxección e o prestixio que acadou este festival no calendario galego. “Queremos que Redondela sexa ese venres un gran escenario ao aire libre, cheo de vida e ilusión para as familias, grazas a un elenco de creadores e compañías de recoñecido prestixio”, sinalou a rexedora. Rivas fixo fincapé en que a calidade artística é o mellor reclamo para os visitantes: “Ofrecer unha programación cultural potente e gratuíta deste nivel é o escaparate perfecto para que a xente nos visite, consuma no noso comercio de proximidade e descubra Redondela nun ambiente inmellorable”.
Un cartel artístico de primeiro nivel e grandes formatos
- 18:30 h. O Xogar de Breogán (Alameda Castelao): Unha innovadora experiencia interactiva con xogos de madeira de temática castrexa e unha sección de autómatas creada para conectar coas raíces celtas.
- 19:15 h. Tanxarina: Titiricircus (Rúa Salgueiral): A prestixiosa compañía redondelá pon en escena un emotivo e participativo espectáculo de monicreques de fío que rende tributo ás grandes glorias do vello circo.
- 20:15 h. Pasarrúas: O Minúsculo (Praza de Ribadavia a Pza. Santiago Apóstol): Un impactante desfile multidisciplinar de gran formato protagonizado por unha gran marioneta de fío de 5 metros de altura.
- 21:30 h. Pablo Méndez Performances: Quimera (Praza do Concello): Un dos pratos fortes da noite cun show visual e acrobático de nivel internacional inspirado na mitoloxía e na maxia da natureza.
- 22:30 h. Lg1do, Artista Urbano (Pista da Xunqueira): Concerto en directo dunha das grandes promesas musicais de Galicia cunha potente fusión de trap e reguetón en galego e español.
- 23:30 h. Mago Orbit: Acero (Praza da Torre): O broche de ouro do festival cun espectáculo de ilusionismo de alto impacto e luces ao máis puro estilo das Vegas.
‘Aloha! Shopping Night’. Acompañando o gran despregue cultural, máis de 40 establecementos comerciais e hostaleiros sumaranse á festa a partir das 19:00 horas coa ‘Aloha! Shopping Night’. Os locais abrirán ata a media noite con descontos de ata o 70 %, animación musical propia, sorteos e menús especiais para cear nunha xornada única de ocio e compras organizada pola Asociación de Empresas de Redondela en colaboración co Concello.
Digna Rivas pechou o acto convidando a toda a comarca “a vivir unha noite máxica onde a calidade de programación cultural non van deixar a ninguén indiferente”.

