HomePontevedraRedondela leva aos institutos a historia de San Simón

Redondela leva aos institutos a historia de San Simón

- Anuncio -spot_img

Dentro do mes das Letras Galegas, o Concello de Redondela está a celebrar diferentes actividades a prol da lingua, a cultura e a memoria histórica de Galicia. Hoxe comezaron as charlas sobre a historia da illa de San Simón nos institutos impartidas por Montse Fajardo, escritora, xornalista e activista de Iniciativa Galega pola Memoria. A alcaldesa, Digna Rivas, acompañou á Fajardo na presentación da primeira das actividades celebrada esta mañá no IES Illa de San Simón. En vindeiras datas celebraranse tamén nos IES Floriani, Mendiño e Chapela.

O Concello de Redondela xa anunciara a posta en marcha dun programa de conferencias e cursos sobre a historia de San Simón, dirixidas especialmente ao alumnado dos institutos do municipio “para que as novas xeracións non banalicen a historia e coñezan o que pasou na illa durante a Guerra Civil e os anos de represión, xa que foi unha das máis duras e crueis prisións franquistas”.

Programación mes das Letras Galegas

O sábado 17 de maio, o Día das Letras Galegas, réndese homenaxe á poesía popular oral con especial recoñecemento ás cantareiras, destacando o papel esencial das mulleres na transmisión da lírica oral que mantivo viva a lingua galega en tempos de prohibicións.

O Concello de Redondela celebra o Día das Letras Galegas cun acto institucio nal na Alameda Castelao ás 11.00 horas. Participarán nenos e nenas das escolas públicas, que xa gozaron de obradoiros de baile tradicional e do papel das mulleres na música, organizados polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela. O alumnado lerá pequenos textos, ofrecerán unha mostra de baile e actuarán as cantareiras do grupo O Carballo das Cen Pólas de Reboreda. Como é tradición, realizarase unha ofrenda floral a Castelao e entoarase o himno galego. Un dos obxectivos desta celebración é visibilizar o traballo da profesora Erica Iglesias, que impartiu os obradoiros, e achegar a música popular á comunidade.

Ao longo deste mes celébranse outras actividades culturais, como o obradoiro de pandeireta que acolleu esta semana o Conservatorio Municipal e o concerto especial polo Día das Letras Galegas titulado Cantareiras 2025.

Este venres, 16 de maio, ás 17:00 horas a Biblioteca Xela Arias de Chapela acollerá unha conferencia sobre música e Letras Galegas coa participación do grupo Anaquiños, que renderá homenaxe ás pandeireteiras. Esta mesma biblioteca municipal acollerá o mércores 21 de maio, ás 20:00 horas, a conferencia “A orixe da lírica medieval galega. Un trobador de Chapela?”, a cargo de Carmen de Santiago Gómez, investigadora da USC-CRPIH, sobre o trobador Johan Soarez Somesso, coñecido como “O Señor de Chapela”.

Finalmente, o 30 de maio, a profesora de arte Inés Rivera pechará as actividades vinculadas ao Ano Castelao cunha charla sobre a cartelería de Castelao e o Estatuto de Galicia.

Publicacións Relacionadas