Será inaugurada o luns 29 ás 19 h. Forma parte dos actos conmemorativo do oitavo centenario da consagración do templo
O tudense Carlos Fer realizará unha intervención artística, baixo o título de “Relicario” na Catedral de Santa María de Tui dentro do programa conmemorativo do oitavo centenario da consagración do templo tudense. O luns, 29 de xuño, ás 19 h está prevista a inauguración na propia Catedral.
A concelleira de Ensino, Cultura e Mocidade, Sonsoles Vicente Solla, manifesta que “estamos ante un dos proxectos máis ilusionantes do programa de actividades desta efeméride”. Engade que por unha parte integra aspectos de ampla proxección como “unha exposición de arte contemporánea nun espazo patrimonial marcado pola arte románica e gótica, nunha mestura certamente atrevida e atractiva”. Por outra parte sinala a concelleira a súa satisfacción por ser a primeira vez que Carlos Fer, que conta cunha traxectoria de gran alcalce, presenta a súa obra artística na súa cidade natal.
Sonsoles Vicente agradece a colaboración do Cabido da Catedral tudense para a realización desta intervención artística. A instalación, financiada integramente polo Concello de Tui, manterase até o mes de setembro.
A concelleira amosa o seu convencemento no interese que suscitará esta obra entre todas as persoas que ao longo dos próximos meses se acheguen a catedral de Tui.

