Salvaterra de Miño inicia a programación “sensibilizar para protexer a cultura no rural” cun espectáculo de circo aéreo e danza

Redacción

O Concello de Salvaterra de Miño dará comezo o venres 11 de setembro á programación cultural «Sensibilizar para Protexer. A cultura no rural», unha iniciativa desenvolvida xunto ao Concello de Salceda de Caselas e a través do Plan Corresponsables, que levará diferentes propostas culturais a distintos espazos e parroquias do municipio entre os meses de setembro e novembro.

A primeira actividade do programa será o espectáculo «5.0», unha proposta de circo aéreo con danza para todos os públicos, que terá lugar o 11 de setembro ás 20.30 horas na Praza do Concello de Salvaterra de Miño.
«5.0» combina movemento, danza e técnicas de circo aéreo nunha proposta visual pensada para o desfrute de públicos diversos. Con este espectáculo, o Concello quere dar o primeiro paso dunha programación que aposta por achegar a cultura á veciñanza e por facer dos espazos públicos e das casas culturais lugares de encontro e participación.

A programación continuará durante os meses de setembro, outubro e novembro con diferentes espectáculos dirixidos especialmente ao público infantil e familiar, entre os que se inclúen «Elas» e «Costureiriña Bonita», que chegarán ás casas culturais de Fiolledo, Meder, Cabreira, Alxén, Vilacoba, Lira, Oleiros e Porto.

Con esta iniciativa, o Concello de Salvaterra de Miño reafirma o seu compromiso de levar unha oferta cultural próxima, accesible e de calidade ao rural, facilitando o acceso da veciñanza a diferentes disciplinas artísticas e favorecendo a cultura como espazo de encontro, convivencia, participación e sensibilización.

Comparte este artigo