Salvaterra inicia o programa de reforzo socioeducativo para menores

Redacción

Despois da concesión por parte da Xunta de Galicia dunha subvención por un importe de máis de 73.000 euros para levar a cabo un reforzo educativo para menores a través do Departamento de Servizos Sociais durante os anos 2026 e 2027 e a contratación dunha educadora social para a execución das actividades, o Concello de Salvaterra de Miño da inicio a este programa.

A acción que se estenderá ata abril do ano 2027, está deseñada especificamente para intervir con menores que presenten factores de vulnerabilidade social que dificulten o seu éxito educativo ou a súa integración. Desta forma, o programa non só busca o éxito académico, senón unha intervención integral que traballe a vertente social e educativa de xeito conxunto.

A intervención, liderada pola Educadora Social, constará de tres momentos clave ata o fin do programa: a posta en marcha que comeza inmediatamente, o grupos de repaso para a época estival con especial atención a alumnado con materias pendentes e repetidor e o inicio do novo curso onde se realizará unha planificación e reestructuración de grupos.

Como recursos adicionais e que garanten a igualdade de oportunidades, o programa tamén inclúe transporte gratuíto para os que residan fóra dos casco urbano e con dificultades de desprazamento; ademais de apoio técnico especializado para aquelas necesidades educativas concretas en materias máis técnicas cunha derivación a unha academia especializada.

Comparte este artigo