Este domingo 24 de maio Salvaterra de Miño celebra os mil anos de historia da vila cun Mercado Milenario onde case unha decena de postos participarán na celebración. O mercado ubicado no recinto amurallado de Salvaterra poderá visitarse dende as 10:00 horas e ata as 14:00 horas.
Os postos formados por artesáns, protectoras e asociacións contará con produtos de madeira, xoguetes, bixutería, segunda man, libros e outras actividades para @s nen@s, entre outros produtos e servizos.
Durante todo a mañá Salvaterra Milenaria contará tamén con diferentes actividades para @s máis pequen@s e para toda a familia. Pola mañá de 10:00 a 12:00 horas haberá xogos populares e tradicionais como zoca, os zancos, o burro, as pontes, a chave de ferrolterra ou a chave ourensá e ó mesmo tempo un obradoiro infantil para facer o seu propio estandarte e tamén o escudo heráldico. Estes xogos e obradoiro, coa estética tradicional e medieval, son interxeracionais, o que permiten o libre xogo e desfrute entre maiores e pequen@s.
As actividades continúan ás 12:30 horas cun gran xogo de desfrute en familia no que se coñecen e descobren curiosidades e misterios sobre a terra salvaterrense “Salvaterra Milenaria. Entre murallas e misterios”, probas que permiten ós xogadores indagar libremente polo recinto da muralla namentres superan os diferentes retos.

