● O alcalde, Alejandro Lorenzo, felicitou persoalmente aos sete estudantes de Comercio Internacional que foron seleccionados entre os mellores de España polo seu vídeo sobre solidariedade e equidade.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, recibiu na Casa do Concello a un grupo de sete alumnos e alumnas de 1º curso do Ciclo Superior de Comercio Internacional do IES Ribeira do Louro. O motivo da recepción foi o
recoñecemento ao seu traballo audiovisual titulado “Juventud en acción: Solidaridad y equidad en 60 segundos”, que resultou seleccionado polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) como un dos sete mellores proxectos a nivel nacional.
Un reto entre centros de toda España
A iniciativa xurdiu como un reto lanzado pola axencia nacional SEPIE para celebrar a Semana Europea da Xuventude. O comité de avaliación elixiu a proposta porriñesa entre múltiples centros de toda España. O equipo, formado por Verónica Vilaboa, David Lago, Gala Torres, Cristóbal Olmedo, Nerea Costas, Caroline Finol e Daniel Gregores, desenvolveu un “reel” que simboliza o peso emocional que cargan os mozos hoxe en día e como o apoio mutuo pode aliviar esa carga.
O alcalde salientou “o orgullo que supón para O Porriño contar con mocidade tan talentosa, capaz de unir a creatividade técnica cos valores de solidariedade e compromiso social”.
Formación práctica e transversal
Este éxito é froito da colaboración educativa no centro. A actividade encadrouse dentro da asignatura de negociación internacional como práctica real de comunicación dentro deste módulo formativo e dentro do proxecto de centro, integrado na temática anual da Biblioteca do IES Ribeira do Louro, dedicada ao Cine.
O equipo de traballo
O proxecto foi un esforzo colaborativo onde cinco alumnos exerceron como actores e actrices, mentres que os outros dous asumiron as tarefas de guión e dirección. No dossier presentado ao alcalde, detállase o uso de recursos simbólicos como unha mochila chea de pezas de roupa que representan os problemas invisibles da mocidade, que se van repartindo grazas á axuda dos compañeiros ata acadar un final de liberación e benestar emocional.
Con este recoñecemento, o Concello do Porriño quere poñer en valor a calidade do ensino público do municipio e a capacidade dos seus estudantes para destacar en certames de ámbito estatal.

