Solucións para a atención primaria e o novo centro de saúde no Rosal, eixos da reunión entre Concello e Consellería de Sanidade

Redacción
Lectura mínima de 3

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, mantivo un encontro co conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, no que a Xunta se comprometeu a buscar solucións á situación sanitaria actual

Na reunión tamén se deu un paso clave cara ao novo centro de saúde tras o visto bo da Xunta á parcela estratéxica mercada polo Concello en febreiro do ano pasado

A situación da atención primaria no Rosal entra nun momento decisivo tras un encontro institucional que marca un antes e un despois para o futuro sanitario do municipio. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, reuniuse co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, nunha xuntanza solicitada polo Concello para trasladar a preocupación pola falta de persoal e a sobrecarga asistencial do centro de saúde.

No encontro tamén participaron Amparo Pousada Soliño, directora xeral de Recursos Económicos; Javier Puente, xerente da área sanitaria de Vigo; Carlos Villanueva, concelleiro de Sanidade do Rosal; e Germán Fernández, concelleiro de Vías e Obras. Durante a reunión, desde a Consellería comprometéronse a traballar en solucións que melloren a situación actual, comunicando ademais a próxima visita do xerente da área sanitaria ao centro de saúde do municipio.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, valorou positivamente o encontro e sinalou que “era fundamental manter esta reunión para trasladar directamente a realidade que estamos a vivir no Rosal. A situación da atención primaria require respostas inmediatas e un compromiso firme por parte das administracións competentes”.

Un dos avances máis relevantes da xuntanza foi o visto bo da Xunta á parcela adquirida polo Concello para a construción dun novo centro de saúde. Tras analizar o terreo, o Sergas confirmou a súa idoneidade, o que permite ao Concello iniciar agora as modificacións urbanísticas necesarias para cualificalo como dotacional e proceder á súa cesión á Consellería de Sanidade, paso imprescindible para que a Xunte licite o proxecto.

A rexedora destacou que “este é un paso moi importante para o presente e o futuro da veciñanza rosaleira. Estamos a falar dunha infraestrutura estratéxica que permitirá ofrecer unha atención sanitaria digna, moderna e acorde ás necesidades actuais e futuras do Rosal, que medra ano a ano en poboación”.

O Concello adquiriu en febreiro do pasado ano unha parcela de máis de 1.600 metros cadrados situada fronte ao actual centro de saúde, cunha capacidade equivalente a tres instalacións como a existente na actualidade. Este espazo permitirá non só a construción dun novo centro sanitario máis amplo e equipado, senón tamén a posibilidade de incorporar outras dotacións que dean resposta ás necesidades asistenciais.

Comparte este artigo