HomePontevedraSoutomaior axuda con máis de 80.000 euros en subvencións a entidades deportivas,...

Soutomaior axuda con máis de 80.000 euros en subvencións a entidades deportivas, culturais e sociais

- Anuncio -spot_img

O alcalde Manu Lourenzo agradeceu “o inmenso traballo que fan cada día todas estas entidades e asociacións na dinamización da vida cultural, deportiva e social do concello, facendo de Soutomaior un lugar moito máis atrativo para vivir”.

A Xunta de Goberno Local (XGL) de Soutomaior aprobou esta semana a concesión de máis de 80.000 euros en concepto de subvencións nominativas a entidades deportivas, culturais e sociais do Concello. Unha importante axuda municipal coa que estas asociacións e colectivos poden desenvolver as súas actividades no día a día durante o ano e seguir promocionándose e crecendo.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “con estas achegas económicas apoiamos a todas estas entidades e persoas que traballan arreo por construír uns barrios e un Soutomaior mellor”.

Neste sentido, o rexedor agradeceu “o inmenso traballo que fan cada día todas estas entidades e asociacións na dinamización da vida cultural, deportiva e social do concello, facendo de Soutomaior un lugar moito máis atrativo para vivir”.

En concreto, 22 das 23 asociacións e colectivos que tiñan preconcecidas as subvencións nominativas nos Orzamentos municipais de 2025 xa teñen concedidas as achegas económicas tras achegar toda a documentación requirida. Ademais, a maioría destas 22 asociacións tamén teñen firmado xa os convenios co Concello para poder comezar a facer uso destas contías.

A novidade máis salientable das subvencións deste ano é que o Goberno local multiplicou por tres as achegas realizadas ás Anpas do CEIP Manuel Padín Truiteiro e o IES Soutomaior, pasando dos 1.500 euros do ano anterior aos 4.875 euros deste ano.

Ao igual que o ano pasado, no que xa se lle duplicou a contía da subvención, a Banda de Música ‘Artística de Arcade’ recibirá unha achega por valor de 40.000 euros. A estes súmanse, entre outros, os  7.310,50 euros para Club Deportivo de Soutomaior, 7.142,50 euros para o Club Deportivo Arcade, 2.100 euros para o Clube de Patinaxe Artístico, 1.780 euros para a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e 800 euros para a Sociedade de Cazadores ‘A Peneda’.

Publicacións Relacionadas