Soutomaior presenta as obras de mellora e humanización en Comboa

Redacción

O concello de Soutomaior investirá máis de 170.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia do 2027, nesta actuación, que consistirá no asfaltado e adecuación da estrada e o acondicionamento de tres núcleos no tramo da actuación para a súa conversión en pequenas prazas.

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior, presentou esta mañá o proxecto de mellora e humanización no barrio de Comboa.

Unha actuación, redactada por Infourban, que consiste na posta en valor do patrimonio, aposta pola seguridade vial, mellora dun espazo cun importantísimo valor paisaxístico, na contorna da ladeira do río Verdugo, que pon en valor espazos urbanos a través de tres núcleos de centralidade. Espazos, todos eles, que porán e valor a riqueza patrimonial e natural do barrio con medidas de seguridade vial en determinades zonas que supuñan un grande perigo que era unha grande demanda da veciñanza.

Unha obra que contará, en definitiva, con tres espazos diferenciados con actuacións de asfaltado, humanización e mellora de seguridade vial.

Manu Lourenzo dixo nesta xornada que “Comboa é un dos barrios de referencia do noso concello e na actualidade presenta un importante estado de deterioro. Con esta actuación imos a darlle ao barrio de Comboa o tratamento e melloras que merecen, apostamos por poñer en valor espazos naturais e patrimoniais de grande importancia do concello que permitirán a mellora da calidade de vida da veciñanza e a recuperación de espazos rurais que deben poñerse en valor”.

Para levar a cabo esta actuación, o Goberno de Soutomaior investirá máis de 170.000 euros, ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación Provincial do ano 2027. Uns traballos mediante os cales se compren dúas necesitades: por unha banda a mellora na mobilidade do barrio e por outra parte crear espazos públicos que poñan en valor tanto a zona arquitectónica da zona como os elementos patrimoniais.

O alcalde lembrou que “un dos obxectivos estratéxicos do Goberno de Soutomaior desde o comezo do mandato é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da veciñanza. Con esta obra imos a converter espazos moi deteriorados en prazas coidadas onde a xente poderá vivir, relacionarse e desfrutar dos marabillosos espazos cos que contamos en Soutomaior”, concluíu Manu Lourenzo.

Comparte este artigo