Soutomaior recibe a Certificación Festa Sostible de Galicia Suroeste pola Festa da Ostra de Arcade

Redacción

O evento, organizado para outorgar o recoñecemento do programa Festa Sostible de Galicia Suroeste 2025, , reuniu representantes institucionais, comisións organizadoras e equipo técnico vinculado ao desenvolvemento do programa, nun encontro no que se recoñeceu o traballo realizado pola Festa da Ostra de Arcade e o seu compromiso coa implantación de boas prácticas ambientais.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, recolleu esta mañá no Centro Social La Liga de Amigos do Rosal, a certificación da Festa da Ostra como Festa Sostible de Galicia Suroeste.

Durante a xornada fíxose entrega das certificacións ás festas participantes, un total de 14 festas, poñendo en valor as accións desenvolvidas para reducir o impacto ambiental das celebracións, especialmente no ámbito da prevención e xestión de residuos, o uso eficiente dos recursos e a promoción de produtos locais e de proximidade.

Ao longo do acto destacouse que o programa permitiu avanzar na incorporación de medidas concretas adaptadas á realidade das festas gastronómicas do territorio, favorecendo cambios prácticos na organización dos eventos e xerando unha dinámica de mellora continua.

Tamén se puxo en valor o papel das comisións organizadoras, cuxo esforzo foi clave para integrar criterios ambientais en celebracións con gran arraigamento social e cultural, demostrando que tradición e sustentabilidade poden avanzar da man.

Co acto celebrado no Rosal, o programa reforzou o seu papel como instrumento para impulsar un cambio real na organización de eventos no territorio, promovendo unha cultura baseada na responsabilidade, no coidado do entorno e na mellora ambiental das festas.

Comparte este artigo