Trátase dun proxecto de recuperación dun conxunto etnográfico de nove muíños, quenllas, canalizacións e pozas con todas as estruturas características dos muíños tradicionais. Unha actuación de enorme valor tradicional, ambiental e etnográfico que contará cun investimento de 200 mil euros.
Esta semana no concello de Soutomaior entrará por rexistro o proxecto de recuperación dos muíños de Daión. Unha actuación que converterá este espazo nunha zona de referencia onde, ademais de recuperar o espazo, tamén contará con lugares de lecer constituíndo, deste xeito, este espazo nun núcleo de referencia para a veciñanza do concello de Soutomaior.
Ademais das estruturas tradicionais, esta actuación tamén inclúe a incorporación doutro tipo de mobiliario que estará integrado e será respectuoso coa contorna, elaborado con materiais nobres como pedra ou aceiro corten. Un mobiliario que lle dará un carácter moderno pero sempre respectando a esencia e tradición do espazo.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, dixo esta mañá que “non ten ningún sentido que tendo unha xoia etnográfica e patrimonial como os muíños de Daión que se atopase toda esa contorna nese estado, chegados a este punto gustaríame agradecer a disposición dos comuneiros da Devesa como de toda a veciñanza implicada en facilitar e posibilitar que esta obra vaia adiante”.
Unha actuación que contará cun investimento de arredor dos 200 mil euros de investimento, e que suporá unha transformación absoluta tantos dos muíños de Daión como de todo espazo da Devesa e da Xunqueira de Arcade.
O Goberno Local de Soutomaior está traballando en buscar financiamento europeo para esta actuación, os prazos estimados que manexa o Goberno é que a mediados do 2026 a recuperación dos muíños de Daión sexa unha realidade.

