Soutomaior ten en marcha a campaña de desbroces dos camiños do concello

Redacción

O concello de Soutomaior contratou a máis de 5 persoas que sumadas as 10 actuais e o que entren no mes de xullo terán un total de 20 operarios de limpeza para manter Soutomaior no seu mellor estado.

Hoxe xa se incorporaron 6 novas persoas ao cadro de persoal de vías e obras do Concello de Soutomaior. O alcalde, Manu Lourenzo, deulles a benvida no concello de Soutomaior. Trátase da incorporación dun albanel, un varredor e catro peóns forestais que dende hoxe xa se unen á cuadrilla de vías e obras .

Unha contratación que se realiza dende o concello de Soutomaior ao abeiro do Plan +Provincia, concretamente da liña 3, de activación do emprego, da Deputación Provincial.

Con este procedemento, realizado con total transparencia e en igualdade de condicións, Soutomaior incorporou entre mes de marzo e o mes de maio case un vintena de persoas a cadro municipal para realizar mantementos e limpeza de rúas no concello.

A esta cuadrilla haberá que sumarlle 3 peóns forestais que chegarán no mes de xullo ao concello de Soutomaior a través do Programa Galicia Suma Talento: Rural da Xunta de Galicia.

Con esta situación Soutomaior disporá dunha cuadrilla de traballadores como nunca tivo para atender as limpezas dos camiños e continuará un traballo barrio por barrio para poder controlar a maleza e mellorar o estado de todas as estradas.

O alcalde do concello de Soutomaior dixo hoxe que “pouco a pouco irán chegando a cada barrio, sabemos que é imposible estar en todos ao mesmo tempo pero o que lle pedimos aos veciños é que comprendan que temos máis persoal ca nunca e que estamos traballando para chegar canto antes aos seus camiños. O tempo non axuda, pero estamos preparados con máis xente ca nunca para na mellor brevidade posible poder manter os camiños no estado que queremos”.  

Comparte este artigo