- O programa Ronsel, da concellería de Igualdade e Benestar Social, achega esta excursión, de balde, para persoas maiores de 65 anos empadroadas/os no concello de Soutomaior.
- Unha cita que terá lugar o domingo 10 de maio e que será a Viana do Castelo (Portugal).
- As inscricións para esta cita serán en liña dende o mércores, 15 de abril ás 9:30h., ata o 27 deste mes. As persoas que precisen axuda poderán realizar a inscrición no concello ou no Multiúsos en horario de 9:00 a 14:00h.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, a concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa e a concelleira de Promoción Económica, Rosana Comesaña, presentaron hoxe a excursión para maiores de 65 anos que se desenvolverá o día 10 de maio e cuxo destino, neste 2026, será a Viana do Castelo (Portugal).
Unha iniciativa que chega dentro do programa RONSEL co fin de desfrutar do avellentamento activo e do tempo de lecer a través dos espazos naturais, da cultura, da historia e da natureza.
Todas e todos os interesados deberán inscribirse en liña dende o mércores, 15 de abril ás 9:30h., en https://soutomaior.gal/actividades/ inscricións que se poderán levar a cabo ata o 27 de abril ás 14:30h. O único requisito que hai que ter é ser maior de 65 anos e estar empadroado/a no concello de Soutomaior.
Unha excursión que inclúe: ás 10:30h. Saída dos autobuses desde Soutomaior (os autobuses farán paradas en: Casa do Concello, A Montesiña, Sobral, Aranza, Alxán, Val, Comboa, Moreira, Romariz, Lourido, Cruce de Pierres (Arcade), ás 12:00h. está prevista a chegada a Viana do Castelo onde as e os asistentes poderán desfrutar desta cidade portuguesa percorrendo as súas prazas e rúas, unha xoia histórica do norte de Portugal coñecida pola súa rica tradición marítima e fermosa arquitectura. Posteriormente, ás 13:45h. terá lugar o traslado para o desfrute do xantar en Quinta da Presa. E xa pola tarde, ás 16:30h. terá lugar a verbena amenizada polo Trío Tic Tac. Tralo baile e o desfrute está prevista a chegada a Arcade – Soutomaior en torno ás 20:30h.
Todas aquelas persoas que precisen axuda coas inscricións en liña, pode facela nas Oficinas Xerais do Concello (Soutomaior en horario de 9:00 a 14:00h) ou nos Servizos Sociais (Multiúsos, Arcade en horario de 9:00 a 14:00h).
Dende o concello sinalan que é moi importante lembra que as persoas que precisen ir con acompañante deberán entregar un xustificante xunto coa inscrición acreditando esta necesidade, esta persoa tamén deberá inscribirse para que quede reservada a súa praza.

