Soutomaior volve a acender a lingua

Redacción

Centos de escolares do concello de Soutomaior participarán mañá, 15 de maio, na III edición de Soutomaior Acende a Lingua. Unha actividade de intercentros educativos onde se correrá pola lingua galega  prestando especial atención, neste ano, a Begoña Caamaño, homenaxeada no día das Letras Galegas.

O concello de Soutomaior volverá a acender a lingua neste 15 de maio. Dentro da programación das Letras Galegas o concello de Soutomaior organiza para esa xornada a  terceira edición desta iniciativa que é “Soutomaior acende a Lingua”. Unha actividade cuxo obxectivo principal é amosar, a través dos cánticos, bailes e a convivencia a importancia de falar a nosa lingua, o galego, a importancia de transmitir e do relevo xeracional do noso idioma.

As 10:15h. Soutomaior comezará a acender a Lingua en Salgueirón coas alumnas e alumnos do Colexio Santiago Apóstol, estes estudantes iniciarán o percorrido ata Salgueirón, onde se atoparán coas alumnas e alumnos do IES Soutomaior. Un percorrido no que, de seguro, non faltarán con cánticos, bailes e moito divertimento ata este punto de encontro.  

Unha vez en Salgueirón terá lugar a primeira das actividades que será o Altar da Lingua: Lectura colectiva dos textos creados nos obradoiros co acompañamento musical de Sheila Patricia e Samuel Merino así como as mostras visuais ou audiovisuais que se obtiveran de cada centro.

A continuación as e os asistentes terán a oportunidade de desfrutar dun Concerto Poético-Musical: Actuación do dúo Samuel e Sheila, un espectáculo íntimo e enérxico que reivindicará a palabra de Caamaño e a cultura propia a través das obras dos dous artistas.

Unha cita na que tamén participará o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, e o concelleiro de Normalización Lingüística, Gonzalo Outeiro.

Comparte este artigo