O Multiusos de Sabarís, en Baiona, acollerá mañá sábado 18 de abril ás 19.00 horas unha xornada solidaria onde o humor e a cultura serán protagonistas. Trátase dun evento, organizado en colaboración co Concello de Baiona, onde o grupo de teatro A Moura, do C.C. A Mercé de Chaín, representará a comedia “Malos hábitos” co obxectivo de recadar fondos para a causa «Unha cura para Nora», nena baionesa que padece unha enfermidade rara, e a Asociación CTNNB1.
A obra, pensada para todos os públicos, presenta unha divertida trama de enredo protagonizada por dúas monxas, un cura e un acólito nunha comisaría, onde situacións absurdas e cheas de humor poñerán a proba a paciencia de dous policías. O elenco, non profesional, destaca pola súa enerxía e compromiso social.
A programación completarase coa actuación do Grupo de Cámara da Agrupación Musical de Vincios, que achegará música a unha tarde pensada para desfrutar en familia.
A entrada consistirá nun donativo mínimo de 4 euros ata completar capacidade, incluíndo participación nun sorteo de agasallos cedidos por comercios locais. Ademais, habilitouse unha Fila 0 para quen desexe colaborar mediante achegas económicas.

