Tomiño abre unha xanela dixital para conservar o seu patrimonio

Redacción

O Concello pon en marcha unha web interactiva que reúne todo o valor histórico, natural e etnográfico do municipio

Tomiño fai accesible todo o seu patrimonio a golpe de clic. O Concello vén de poñer en marcha unha nova web de patrimonio municipal, unha ferramenta dixital que permite descubrir, consultar e explorar de forma ordenada e interactiva todo o valor histórico, natural e etnográfico do municipio. O proxecto supón un paso adiante na posta en valor do territorio e na difusión dun legado que forma parte da identidade común de Tomiño.

A nova plataforma nace coa vontade de reunir nun único espazo todo o patrimonio do concello, desde elementos históricos e arquitectónicos ata recursos naturais singulares, pasando por árbores senlleiras, espazos de interese cultural ou puntos de especial valor turístico. Todo este contido organízase nun inventario estruturado que facilita a súa consulta e comprensión.

Este proxecto responde tamén a unha das demandas recollidas no marco de iniciativas como o galardón de Vilas en Flor, que subliñan a importancia non só de conservar o patrimonio, senón tamén de organizalo, difundilo e facelo accesible á veciñanza.

Como salientou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante a presentación da páxina, “con esta nova web damos un paso fundamental na forma de entender e compartir o noso patrimonio. Non falamos só de preservar o que temos, senón de poñelo en valor, organizalo e facelo accesible para que calquera persoa poida coñecer mellor quen somos e de onde vimos”.

A rexedora sinalou ademais que “esta ferramenta é tamén unha aposta pola educación e pola divulgación, porque queremos que o alumnado dos centros educativos poida traballar estes contidos, exploralos e mesmo enriquecelos, facendo do patrimonio unha parte viva do proceso de aprendizaxe”.

A web, dispoñible en galego e inglés, incorpora un mapa interactivo no que se xeolocalizan os distintos elementos patrimoniais, así como fichas descritivas accesibles, unha listaxe filtrable por categorías ou unha sección de rutas que permite descubrir o territorio a través de percorridos conectados co patrimonio.

A ferramenta está pensada como un recurso aberto e dinámico, que non só permite consultar información, senón tamén achegar novos datos e participación cidadá, converténdose nun espazo vivo de construción colectiva do coñecemento sobre o territorio.

O Concello subliña que este novo recurso dixital busca tamén reforzar a difusión turística de Tomiño, facilitando que as persoas visitantes poidan descubrir o municipio dunha forma máis completa, interactiva e sostible, a través das súas rutas, da súa historia e da súa paisaxe.

Con esta iniciativa, Tomiño consolida o seu compromiso coa posta en valor do territorio e coa preservación da súa memoria colectiva, combinando tecnoloxía, educación e identidade nun proxecto aberto ao presente e ao futuro.

Comparte este artigo