Centos de persoas encheron a Praza do Seixo para acompañar á matrona do Centro de Saúde de Tomiño na vixésima edición do acto cívico das Festas do Alivio.
A Praza do Seixo quedou pequena para homenaxear a Ana Isabel Forneiro González, matrona do Centro de Saúde de Tomiño durante corenta anos. Centos de veciños e veciñas acompañaron á profesional nun acto cargado de emoción, co que o Concello quixo recoñecer toda unha vida dedicada ao coidado, á saúde e ao benestar das mulleres.
A homenaxe celebrouse no marco das Festas do Alivio e coincidiu coa vixésima edición do acto cívico, unha cita que cada ano pon en valor a persoas e colectivos que deixaron unha pegada profunda na vida do municipio. Familiares, amizades, compañeiros e compañeiras do Centro de Saúde e mulleres de distintas xeracións compartiron unha noite que deixou patente o enorme cariño que Ana sementou ao longo destas catro décadas.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que a homenaxe recoñece moito máis ca unha extensa traxectoria profesional. “Ana construíu unha relación de confianza con centos de mulleres. Escoitounas, acompañounas e axudounas a coñecerse mellor e a vivir con máis seguridade e liberdade”, salientou.
Durante os seus anos como matrona, Ana Isabel Forneiro percorreu as parroquias, entrou nas casas e estivo presente en momentos fundamentais da vida de numerosas familias. A súa proximidade permitiulle acompañar avoas, nais e fillas, creando un vínculo que atravesa xeracións e que explica a resposta multitudinaria da veciñanza.
O acto puxo tamén en valor o papel esencial das matronas e a maneira na que Ana exerceu a súa profesión: con respecto, naturalidade e unha escoita libre de xuízos. Nun tempo no que arredor da saúde e do corpo das mulleres aínda pesaban numerosos silencios e prexuízos, contribuíu a abrir camiños e a crear espazos de confianza nos que cada muller podía falar, informarse e decidir por si mesma.
“Esta praza chea é a mellor mostra do que Ana significa para Tomiño. Hoxe todo un pobo lle deu as grazas por coidar, escoitar e acompañar tantas vidas”, afirmou a rexedora.
Coa homenaxe a Ana Isabel Forneiro, o acto cívico suma unha nova historia aos seus vinte anos de traxectoria. Dúas décadas nas que Tomiño recoñeceu publicamente a persoas vinculadas á cultura, ao ensino, ao deporte, ao asociacionismo, ás tradicións e ao coidado dos demais, construíndo un retrato colectivo dun concello comprometido, xeneroso e agradecido coa súa xente.

