A Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá do 8 ao 10 de maio o gran encontro do viveirismo galego cunha ampla programación e o paisaxista Íñigo Segurola como padriño
Un evento que consolida un sector e proxecta o territorio. A Feira de Cultivos do Baixo Miño regresa a Tomiño para celebrar a súa XXI edición convertida nun dos grandes escaparates do sector do viveirismo galego cunha programación que durante tres días transformará Goián nun espazo de encontro, innovación e divulgación arredor da planta, a flor, a horta e os subministros.
Organizada pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e polo Concello de Tomiño, do 8 a 10 de maio a Praza Pintor Antonio Fernández de Goián acollerá unha nova edición dun evento cheo de vida e cor, con expositores, charlas, obradoiros, concertos e actividades. Unha nova aposta por un formato ao aire libre xa consolidado que facilita o contacto directo entre profesionais, empresas e público xeral a través dunha programación ampla e dinámica pensada para seguir medrando en participación.
Nesta edición, o recoñecido paisaxista e divulgador Íñigo Segurola será o padriño da feira, achegando a súa experiencia e coñecemento nunha das charlas previstas no programa. Xunto a el tamén se incorporan voces como a da influencer Nuska Chousa, reforzando o carácter divulgativo, aberto e moderno do evento.
A alcaldesa, Sandra González, destaca o valor estratéxico desta feira para Tomiño e o orgullo que é “ver como este proxecto medrou ata converterse nun referente en Galicia. Son máis de dúas décadas apoiando un sector clave para o noso territorio e compartindo coa veciñanza unha feira que reflicte talento, innovación e futuro”. A rexedora subliña ademais que “esta edición é unha oportunidade para seguir fortalecendo o vínculo entre o sector produtivo e a veciñanza, poñendo en valor o traballo de tantas persoas que fan posible este crecemento”.
Pola súa banda, dende a directiva da Asociación de Cultivos do Baixo Miño ponse en valor a consolidación do formato. “A experiencia dos últimos anos demostra que sacar a feira á rúa foi un acerto para poder achegar o sector a un maior número de xente, facelo máis accesible e dinámico e seguir medrando en calidade e participación”.
Un dos grandes atractivos desta edición serán os obradoiros, que incrementan a súa oferta tras o éxito das edicións anteriores, converténdose nun espazo de aprendizaxe práctico e participativo que continúa medrando ano tras ano. Serán tres días nos que Goián volverá florecer como punto de encontro, demostrando que o futuro tamén se sementa desde o local e en comunidade.

