Tomiño reúne ás autoridades españolas e portuguesas para reforzar a cooperación ibérica

Redacción

O Concello acolleu a XLVI reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño, centrada na xestión sostible, a conservación dos recursos e a cooperación transfronteiriza

Tomiño converterse no gran punto das autoridades galegas e portuguesas do río Miño para falar de desafíos comúns que non entenden de fronteiras. O Concello acolleu a XLVI Reunión da Comisión Permanente Internacional do Río Miño (CPIRM), un encontro de traballo que reuniu a autoridades e representantes institucionais de España e Portugal vinculados á xestión do tramo internacional do río.

A sesión, que estivo copresidida polo Comandante Naval do Miño, Víctor García Pozuelo, e o Capitán Tenente Capitán do Porto de Caminha, Fernando José Pereira Vieira, coa alcaldesa de Tomiño Sandra González como anfitroa e coa participación do o Subdelegado do Goberno en Galicia, Abel Losada, contou coa participación, os embaixadores que presiden as Comisións Internacionais de Límites (CIL) e autoridades de organismos como o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra ou a Subdirección de Pesca e Mercados de Pesca da Xunta de Galicia, do Ministerio de Pesca e de alcaldes e alcaldesas dos municipios ribeiregos do Treito Internacional do Río Miño, entre outros.

A Comisión avaliou o balance da campaña 2025-2026 e debateu diferentes medidas relacionadas cos períodos hábiles, cotas, vedas, artes autorizadas e condicións de actividade, nun foro no que a cooperación institucional resulta fundamental para garantir unha xestión responsable e sostible dun espazo natural compartido.

Durante a reunión abordáronse tamén cuestións clave para o presente e o futuro do río Miño, entre elas a aplicación dos acordos e regulamentos vixentes no Tramo Internacional do Río Miño, a situación dos recursos pesqueiros, a conservación dos hábitats naturais, a coordinación das labores de control e vixilancia e a análise das propostas elevadas polas comisións mixtas de pesca e caza para a tempada 2026-2027.

A CPIRM abriu tamén un espazo de diálogo técnico para abordar problemáticas críticas na contorna fluvial para identificar vías de resolución conxuntas e coordinar futuras actuacións arredor da contaminación das augas, a planificación e a execución dos dragados no cauce e o impacto ambiental provocado polas variacións de caudal debido aos verquidos da presa da Frieira.

Neste sentido, no encontra a alcaldesa de Tomiño reclamou “que entre a Xunta e o Goberno do Estado, que teñen competencias compartidas no río, se poñan mans á obra e coordinen coas administracións portuguesas para unha gobernanza conxunta do Miño, xa que non debería ser que lado galego e luso teñan normativas diferentes. Pola complexidade burocrática e administrativa, debería haber un plan integral do río Miño que permita xestionar cuestións como a contaminación, as invasoras ou a area dun xeito común”.

Unha dobre forma de actuación nas dúas beiras do Miño que tamén se dá no caso das carpas, unha especie invasora que está afogando ás especies do Miño e para a que a rexedora reclama un plan integral e conxunto de control. Sandra González agradeceu ademais aos Comandantes do Miño o traballo de servizo público que fan para manter esa unidade e coordinación no río.

A Comisión Permanente Internacional do Río Miño é un órgano dependente da Comisión Internacional de Límites entre España e Portugal e ten entre as súas funcións a análise e aprobación das medidas que regulan a actividade pesqueira e cinexética, así como a conservación dos ecosistemas e a protección ambiental no tramo internacional do río.

A celebración desta reunión en Tomiño reforza o papel estratéxico do municipio dentro da raia miñota e a súa estreita vinculación cun río que constitúe un dos grandes patrimonios naturais, ambientais e económicos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Comparte este artigo