Tres empresas optan á execución do futuro parque de Riomaior, cun investimento de 1,15 millóns de euros

Redacción

A licitación avanza na transformación dun espazo estratéxico para converterse nunha área de deportes urbanos

O Concello de Vilaboa continúa avanzando na transformación integral do parque de Riomaior coa licitación das obras por un importe de 1.150.000 euros, un proceso ao que concorren tres empresas e que entra agora na fase de avaliación técnica e económica. A Mesa de Contratación valorará as ofertas presentadas para proceder á adxudicación dunha actuación que, unha vez resolta, disporá dun prazo de cinco meses para a súa execución.

A reforma prevista concíbese como unha transformación profunda dun espazo que se abrirá definitivamente ao mar e que combinará deporte, lecer e recuperación paisaxística nun único ámbito. O proxecto inclúe unha pista multideportiva, unha nova pista de tenis con grada prefabricada e cuberta metálica, rúas de atletismo de 100 metros para series cronometradas, unha área infantil de temática mariña, unha zona de calistenia e, en definitiva, unha área de deportes urbanos. A intervención completarase coa restauración das sendas existentes, a creación de novos itinerarios internos e a renovación integral do mobiliario urbano, configurando un parque moderno, accesible e pensado para o desfrute do deporte ao aire libre.

Como punto de partida, acometerase o acondicionamento da parcela coa retirada do muro de contención que actualmente actúa como barreira visual, unha actuación clave que permitirá abrir o espazo ao mar e recuperar a súa relación natural coa contorna. Demolerase tamén o antigo almacén de Protección Civil, liberando un ámbito que se integrará no novo deseño, e procederase á restauración paisaxística das zonas verdes e dos percorridos interiores.

O alcalde lembra que a titularidade dos terreos foi durante anos o principal obstáculo para acometer melloras neste espazo, ao tratarse de parcelas pertencentes á Administración Xeral do Estado e afectadas por Costas, o que impedía ao Concello optar a subvencións ou destinar fondos propios. “A veciñanza demandou en numerosas ocasións actuacións que non podiamos executar ao non ser propietarios do terreo”, explica Poza. A situación desbloqueouse tras a cesión realizada en 2022 e a posterior matriculación das parcelas no Rexistro da Propiedade, un paso imprescindible que permitiu activar o proceso administrativo e avanzar cara á materialización dun parque chamado a converterse nun dos grandes espazos de referencia de Vilaboa.

Comparte este artigo