Tui impulsa un novo obradoiro dual de emprego para avanzar na senda do Miño e formar a 20 persoas en sectores con alta demanda

Redacción
Lectura mínima de 3

Tui impulsa un novo obradoiro dual de emprego para avanzar na senda do Miño e formar a 20 persoas en sectores con alta demanda. O Concello de Tui vén de recibir, con data 17 de abril de 2026, a resolución favorable do Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo) pola que se concede a realización do obradoiro dual de emprego “SENDA RÍO MIÑO: TRAMO SAN MARTIÑO”.

Este proxecto, cunha duración de 9 meses e inicio previsto para o 1 de xuño de 2026, permitirá avanzar nunha actuación considerada estratéxica para o municipio: a execución dun novo tramo da senda do río Miño que dará continuidade ao itinerario existente e permitirá conectar o concello de Tui co concello de Tomiño a través da parroquia de Areas. Trátase dun paso clave na consolidación dun corredor natural, ambiental e turístico de primeiro nivel na contorna do Miño.

Dende o punto de vista da formación e o emprego, o obradoiro dual supón unha oportunidade directa para 20 persoas desempregadas, que recibirán cualificación profesional en dúas especialidades cunha elevada demanda no mercado laboral: AGAR0309 Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e MAMD0209 Traballos de carpintería e moble. Cada especialidade contará con 10 alumnos e alumnas, que combinarán formación teórica con prácticas profesionais reais vinculadas ao propio proxecto.

Ademais do alumnado, o programa implicará a contratación do correspondente equipo directivo e docente, reforzando así o impacto positivo da iniciativa en termos de xeración de emprego e dinamización económica local.

A concelleira de Emprego, Ana Núñez, destaca que “este obradoiro dual é unha oportunidade real para aprender facendo, adquirindo competencias profesionais en sectores con saída laboral ao tempo que se contribúe á mellora dun espazo estratéxico para o noso territorio como é a senda do Miño”.

Dende o Concello de Tui sublíñase o firme compromiso coa cualificación profesional e coa creación de emprego, apostando por iniciativas que combinan formación práctica e experiencia laboral real. Neste senso, anímase a todas as persoas desempregadas interesadas en mellorar a súa empregabilidade a ampliar esta información no Centro Municipal de Formación en Guillarei ou a inscribirse na Oficina de Emprego de Tui na especialidade do seu interese.

Con esta actuación, Tui reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible, a posta en valor do seu patrimonio natural e a creación de oportunidades reais de emprego e formación para a súa veciñanza.

Comparte este artigo