O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, aludiu tamén á celebración do 800 anos da consagración da Catedral tudense
As sete capitais do antigo Reino de Galicia volveron reunirse onte na Catedral de Lugo na tradición institucional máis antiga que se mantén viva en Galicia, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, foi o encargado de presentar a ofrenda en nome das sete cidades, nun acto que tal e coma sinalou na súa intervención A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Santiago de Compostela, Ourense, Lugo e Tui, “manteñen, con orgullo, esta tradición que liga a identidade de Galicia, as súas institucións máis perdurables, coa forza dos concellos aquí representados”. Engadiu o rexedor tudense que a mesma “é símbolo da identidade propia e da condición colectiva do noso país”. Lembrou a declaración coma Ben de Interese Cultural, na categoría de patrimonio inmaterial, deste acto que posúe un alto valor simbólico tanto polo seu valor patrimonial como por “destacar o valor do municipalismo, o papel dos concellos, na conformación colectiva de Galicia, na defensa dos seus intereses, mediante a Xunta de Reino de Galicia, da que a actual institución autonómica é fecunda herdeira”. E reivindicou en nome dos 315 municipios galegos “o noso protagonismo na construción da personalidade de Galicia; protagonismo, pasado pero sen dúbida que tamén presente, na creación dunha terra máis próspera, acolledora e igualitaria”.
Unha xornada que Enrique Cabaleiro conectou coa celebración do oitavo centenario da consagración da Catedral de Tui afirmando que “esta catedral é a icona da nosa cidade” engadindo que “logra vincular a cada veciño con ese templo alzado no cume do outeiro tudense expresando unha comuñón, tantas veces silandeira, entre todo os tudenses que se atopan nela e nela atopan a expresión da súa identidade colectiva”.
Na súa intervención aludiu aos tempos incertos que nos toca vivir e as preocupacións actuais: a violencia e as guerras, a conculcación dos principios da legalidade internacional, e os novos tipos de pobreza, que dicía “xorden da precariedade laboral, dos baixos salarios, da practica imposibilidade do acceso á vivenda que leva a una exclusión residencial para tantos, da difícil conciliación entre a vida familiar e laboral, da dificultade para a emancipación da nosa mocidade, da necesidade de emigrar para atopar empregos de calidade, da discriminación por calquera motivo o condición, da soidade non desexada de tantos dos nosos maiores, de tantos nenos e mulleres que sofren violencia ou maltrato…”.
Na súa intervención Enrique Cabaleiro afirmou que “urxe superar a confrontación permanente, o diálogo de xordos, calquera tipo de crispación… pois a pesares da desinformación que padecemos hai moitos mais valores que compartimos e que nos unen como sociedade e que posibilitan o acordo, o entendemento… como testemuñamos hoxe os sete concellos representados nesa Ofrenda. Úrxenos exemplaridade de conductas, ideas de cohesión social, para que a política, no seu máis amplo sentido de todo o que atinxe á vida colectiva, sexa unha ferramenta efectiva para artellar un futuro mellor e solidario para todos”.
A resposta á ofrenda e a homilía foi realizada por Monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo.
Até Lugo desprazáronse concelleiros e concelleiras tudenses, xunto a numerosa hoxe veciñanza de Tui e tamén a Asociación do Traxe Tradicional de Tui.

