A edición deste ano homenaxeou a traxectoria vital e profesional de Divina Boullosa Rodríguez, veciña do Alcouce de 89 anos
O anuncio da Secretaría de Turismo do Estado recoñecendo o Entroido de Cobres como Festa de Interese Turístico Nacional foi recibido en Vilaboa cunha fonda satisfacción institucional e social. A declaración culmina un proceso iniciado hai tres anos e sitúa esta tradición ancestral no lugar de relevancia que o municipio levaba tempo reivindicando.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, cualificou o recoñecemento como “unha das mellores novas da lexislatura”, ao entender que certifica o traballo conxunto entre Concello e comunidade. “Parecía un soño cando empezamos, pero o esforzo compartido coa Asociación Cultural Cobres, que é quen mantivo viva esta tradición, ten como resultado que esta festa ancestral sexa a partir de hoxe patrimonio inmaterial de todo o Estado”, afirmou. “Eu so podo ter palabras de agradecemento para eles”
Na mesma liña se expresou Martín Duarte, presidente da Asociación Cultural Cobres, quen destacou que a declaración supón “un espaldarazo a un traballo constante por conservar unha tradición singular, transmitida de xeración en xeración, que é unha auténtica seña de identidade”. Duarte subliñou que o recoñecemento chega “nun momento moi esperado” e reforza o compromiso da entidade coa preservación e difusión dun dos entroidos máis característicos de Galicia.
A Asociación Cultural Cobres trasladou tamén unha mensaxe aos seus asociados, nos que recoñece a carga emocional deste momento histórico: “Hoxe é un día para estar emocionados e orgullosos. Detrás deste recoñecemento hai anos de soños, traballo incansable, tradición viva e o esforzo de tanta xente que nunca deixou de crer. É un logro colectivo, pertencente a todo o pobo. Grazas a todos os que o fixeron posible. Hoxe celebramos moito máis que unha festa; celebramos o que somos”.
Coa nova distinción, o Entroido de Cobres dá un paso decisivo na súa proxección exterior, consolidándose como un referente cultural e turístico que combina autenticidade, patrimonio inmaterial e participación comunitaria.

