O acordo formaliza unha coordinación estable entre ambos municipios para mellorar a prevención, especialmente no verán e na loita contra os incendios
Os Concellos de Vilaboa e Pazos de Borbén veñen de asinar un convenio que permitirá que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Vilaboa actúe tamén no termo municipal de Pazos de Borbén, reforzando a capacidade de resposta ante incidencias e mellorando a coordinación entre ambos territorios.
O acordo, asinado polos alcaldes César Poza González e Xosé Luciano Otero Camiña, nace da vontade compartida de optimizar recursos, garantir servizos públicos de calidade e avanzar cara a unha xestión máis eficaz das emerxencias. O documento lembra que “é preciso optimizar os recursos económicos das administración locais mediante fórmulas innovadoras que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos” e que a colaboración interadministrativa é unha obriga recollida na normativa estatal e autonómica.
Ata agora, a colaboración entre os dous municipios producíase de forma puntual, especialmente en situacións de risco ou episodios de emerxencia. Co novo acordo, esta cooperación pasa a ser estable, planificada e estruturada, algo especialmente relevante de cara ao verán, época na que se intensifica a actividade preventiva fronte aos incendios forestais.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, subliñou que este convenio “permite consolidar un traballo que xa se viña facendo de maneira espontánea, pero que agora terá unha estrutura clara e unha coordinación permanente, fundamental para reforzar a prevención e a seguridade da veciñanza”.
Pola súa banda, o alcalde de Pazos de Borbén, Xosé Luciano Otero, destacou que “a colaboración con Vilaboa sempre foi exemplar, pero este paso dá estabilidade e mellora a capacidade de resposta ante calquera incidencia, especialmente nun momento do ano no que os incendios son unha ameaza real”.
O documento establece que cada concello sufragará os custos das intervencións realizadas no seu propio termo municipal, garantindo así unha xestión equilibrada e transparente dos recursos.
Un servizo agrupado para unha resposta máis eficaz
A través deste convenio, Protección Civil de Vilaboa poderá exercer as súas funcións no territorio de Pazos de Borbén, garantindo unha cobertura equilibrada e unha actuación coordinada ante incidencias, accidentes, catástrofes ou calquera situación que poida comprometer a seguridade das persoas ou dos bens.
O centro operativo manterase en Vilaboa, onde a agrupación ten a súa base e medios materiais, e cada intervención quedará suxeita á autorización das respectivas alcaldías. O convenio subliña que esta fórmula permitirá “minorar os custos antieconómicos da prestación illada” e asegurar unha oferta de recursos suficiente para atender as necesidades da poboación.
Para garantir o bo funcionamento do acordo, créase unha Comisión Mixta integrada por representantes de ambos concellos, encargada de supervisar a xestión, definir directrices básicas, interpretar o convenio e intervir en caso de discrepancias. Este órgano reunirase por primeira vez na semana seguinte á sinatura.
Ademais, o Concello de Vilaboa asumirá a tramitación das subvencións vinculadas ao servizo, sen prexuízo das convocatorias ás que a agrupación poida concorrer directamente.
O convenio entra en vigor na data da sinatura e terá unha duración de catro anos, podendo resolverse por denuncia unilateral, mutuo acordo ou incumprimento das condicións establecidas.
Con esta colaboración, Vilaboa e Pazos de Borbén dan un paso firme cara a unha protección civil máis sólida, coordinada e eficiente, reforzando a seguridade da veciñanza e consolidando un modelo de cooperación que exemplifica a boa práctica na xestión pública local.

