O Concello de Covelo comeza este sábado 2 de maio coa iniciativa de dinamización social e económica: as Mostras de Artesanía e Segunda Man, unha cita mensual que se celebrará cada primeiro sábado de mes ata setembro (cunha edición especial en decembro).
A Praza Mestre Cerviño converterase así nun punto de encontro para veciñanza e visitantes, cun programa variado pensado para todos os públicos en horario de 10:00 a 14:30 horas.
Ao longo da mañá, as persoas asistentes poderán gozar de diferentes propostas, entre as que destacan os postos de artesanía e segunda man, a recollida solidaria de alimentos e tapóns, así como un espazo de Café Repair, onde se ofrecerá a posibilidade de reparar obxectos de maneira gratuíta, promovendo así o consumo responsable e a reutilización.
A programación inclúe tamén un obradoiro de cociña con degustación ás 11:30 horas, os participantes elaborarán un Tabulé de touciño afumado con vinagreta de laranxa que logo degustaremos todos, e unha sesión vermú musical a cargo de Cynthia & Rose ás 13:00 horas, ademais da presenza dun pulpeiro durante toda a mañá.
Como actividade destacada da xornada, o Concello de Covelo fai un chamamento á participación no proxecto “Queremos retratar ás mulleres de Covelo”, unha iniciativa que busca render homenaxe ao papel das mulleres na comunidade a través dunha exposición fotográfica.
Neste sentido, tódalas mulleres do concello están convidadas a achegarse o propio sábado 2 de maio, a partir das 11:00 horas, á Praza Mestre Cerviño para seren retratadas e formar parte desta mostra colectiva, que pretende poñer en valor a súa contribución social, cultural e comunitaria.
O Concello anima á cidadanía a participar nesta nova proposta que combina comercio local, cultura, solidariedade e convivencia, converténdose nun plan ideal para gozar dunha mañá diferente en Covelo.
A actividade está organizada polo Concello de Covelo e conta co financiamento da Deputación de Pontevedra.

