A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria e urxente, a primeira Oferta de Emprego Público do Concello de Ourense de acceso libre correspondente ao exercicio 2026. Inclúe 7 prazas:
- 2 administrativos de Administración Xeral (Escala de Administración Xeral; Subescala Administrativa; Grupo C; Subgrupo C1).
- 5 policías locais (Escala de Administración Especial; Subescala Servizos Especiais; Clase: Policía Local; Categoría: Policía Local; Grupo C; Subgrupo C1).
Non forman parte desta oferta de emprego público 2 prazas de policías locais, que se reservan para a súa provisión polo proceso selectivo de mobilidade entre profesionais pertencentes a outros corpos das policías locais de Galicia.
O sistema selectivo aplicable será o de concurso oposición para as prazas de administrativo de administración xeral e, por imperativo legal (art. 35.1 da Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia), o de oposición libre para as prazas de policías locais.
A oferta de emprego publicarase no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia.

