A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés realiza prevención e seguimento da osteoporose cunha teleconsulta en atención primaria e un protocolo específico de fracturas de doentes ingresados

Redacción
  • –      O servizo de Reumatoloxía do CHUP coordina un circuíto asistencial directo con Atención Primaria e un programa preventivo
  • –      Con motivo do Día Mundial da Osteoporose, a xefa de Reumatoloxía do Complexo, Susana Romero, destaca a importancia da detección precoz desta patoloxía metabólica
  • –      Na Área Sanitaria prodúcense arredor de 650 fracturas de cadeira ao ano

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés súmase hoxe á conmemoración do Día Mundial da Osteoporose poñendo de manifesto as estratexias asistenciais activas na rede pública para combater esta enfermidade, a máis frecuente do metabolismo mineral óseo e cuxo impacto na saúde vén determinado fundamentalmente pola aparición de fracturas. Para dar unha resposta áxil e coordinada aos doentes, a Área Sanitaria conta con dous circuítos asistenciais clave coordinados directamente polo servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, dirixido pola doutora Susana Romero Yuste.

Por unha banda, dispónse dunha liña de teleconsulta directa coa Atención Primaria da Área para axilizar a valoración, o manexo compartido e seguimento desde os centros de saúde. Por outra, aplícase un protocolo específico dirixido aos doentes ingresados no servizo de Traumatoloxía do CHUP pontevedrés por fractura de cadeira por fraxilidade. O obxectivo é previr a aparición de novas fracturas que limitarían a súa capacidade funcional, supoñendo unha perda de autonomía que condicionaría ao seu entorno e, nalgúns casos, incluso condicionando a expectativa de vida. Aínda que a osteoporose afecta tanto a homes coma mulleres, esta doenza afecta a máis do 25% de mulleres con idade superior dos 50 anos, motivada por factores hormonais.

Datos anuais de incidencia de fracturas de cadeira

Cómpre sinalar que en España prodúcense arredor das 300.000 fracturas de cadeira ao ano. Dacordo cos protocolos do Grupo de Estudo de Osteoporose e Fracturas da Sociedade Galega de Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía -SOGACOT- a incidencia media da fractura de cadeira por fraxilidade ósea na Comunidade Autónoma de Galicia sitúase ao redor dos 215 casos por cada 100.000 habitantes ao ano.

Ao codificar ditos datos, estímase que na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés -que abrangue unha poboación de referencia de 300.000 habitantes nambos distritos sanitarios- prodúcense arredor das 650 fracturas de cadeira ao ano. Fronte a esta realidade, segundo sinala a doutora Susana Romero Yuste “desde o noso servizo de Reumatoloxía queremos lembrar a importancia de seguir pautas preventivas clave para protexer a saúde ósea, tales coma unha alimentación saudable, a práctica regular de exercicio físico e evitar tabaquismo e consumo de alcohol. Tamén é importante o diagnóstico en doentes con factores de risco antes de que se produzca a primeira fractura ósea”.

Comparte este artigo