- A Xunta destina 2 M€, un terzo de orzamento, a construír unhas instalacións modernas, polivalentes e abertas
- A cuberta contará cunha gran praza para converterse en punto de encontro da veciñanza
- Lembra algúns dos investimentos que contempla o proxecto de Orzamentos 2027 na cidade de Pontevedra, como a construción de vivenda pública, a recuperación do Pazo de Lourizán, a dragaxe do Lérez ou o Gran Montecelo
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a colaboración institucional para que o futuro pavillón de Monte Porreiro consolide a cidade de Pontevedra como un referente no mundo do deporte galego.
Durante unha visita ás obras, na que estivo acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente salientou a importancia de que “varias administracións colaboren conxuntamente para facer investimentos”. Neste caso, vaise substituír o antigo centro deportivo por unhas instalacións modernas, polivalentes e abertas, centradas inicialmente no tenis de mesa, pero con capacidade para servir de apoio a outras disciplinas.
O novo pavillón, que Rueda definiu como unha infraestrutura “necesaria e importante”, contará con 3.624 metros cadrados nos que se instalarán 15 pistas de tenis de mesa -que permitirán o adestramento simultáneo de ata 30 deportistas-, unha pista de competición, gradaría con capacidade para 200 persoas, ximnasio e zona de preparación física, pista deportiva así como vestiarios, duchas, aseos e zonas para as tarefas administrativas.
Ademais, a cuberta do pavillón vaise transformar nunha gran praza, pensada para o encontro e desfrute dos veciños, polo que estas instalacións de Monte Porreiro serán un punto de referencia para o deporte galego, pero tamén mellorarán a vida cotiá da cidadanía.
O proxecto, no que a Xunta colabora co Concello de Pontevedra, supón un investimento de máis de 6,2 millóns de euros, dos que un terzo serán achegados pola Xunta (2 millóns). Unhas obras que o titular do Executivo galego lembrou que se suman ao traballo no eido deportivo que está a levar a cabo o Goberno autonómico na cidade de Pontevedra a través do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) ou do futuro Centro de Alto Rendemento (CAR), ao que se destinan 30 millóns de euros e que permitirá aumentar as prazas para deportes de alto nivel, incorporar novas modalidades e mellorando as infraestruturas existentes.
Ademais, o presidente lembrou algúns dos investimentos que contempla o proxecto de Orzamentos 2027 na cidade de Pontevedra, como a construción de vivenda pública, a adxudicación das obras do Pazo de Lourizán, un “proxecto magnífico que o que corresponde é poder executalo”, a dragaxe do Lérez ou o Gran Montecelo.

