A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés reforza as habilidades de comunicacións dos seus profesionais para xestionar situacións clínicas complexas

Redacción
  • O Hospital Montecelo acolleu unha xornada formativa orientada a mellorar a relación e o diálogo entre profesionais, pacientes e familiares
  • A actividade empregou a metodoloxía de simulación clínica para abordar a xestión de eventos adversos e situar a humanización no centro da asistencia

O Salón de Actos do Hospital Montecelo acolleu hoxe o Obradoiro de simulación en comunicación en situacións clínicas complexas, unha iniciativa promovida pola Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés co obxectivo de seguir avanzando na seguridade do paciente, o traballo en equipo e a humanización dos coidados.

Esta actividade formativa e práctica, desenvolvida entre as 16 e as 19:30 horas, responde á estratexia da Área Sanitaria de potenciar a comunicación efectiva como un piar fundamental para mellorar a calidade e a excelencia do sistema público de saúde.

Metodoloxía práctica

O Obradoiro de simulación en comunicación en situacións clínicas complexas centrouse en dous ámbitos clave da práctica diaria: a comunicación interprofesional e a relación cos pacientes e as súas familias ante situacións de elevada complexidade clínica ou eventos adversos.

A docencia correu a cargo do doutor Antonio Rodríguez Núñez, especialista de recoñecido prestixio en coidados intensivos pediátricos e experto na aplicación da simulación á formación sanitaria.

Esta xornada desenvolveuse cun formato eminentemente práctico, que incluíu a proxección de vídeos didácticos, debates guiados e exercicios de simulación sobre casos reais —como a comunicación ante erros de medicación—.

A sesión completouse con análises de debriefing para avaliar o impacto da linguaxe e extraer conclusións aplicables directamente á actividade asistencial.

Ferramentas formativas para unha atención segura

Coa organización deste Obradoiro de simulación en comunicación en situacións clínicas complexas, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés continúa a poñer á disposición dos seus profesionais ferramentas formativas avanzadas para ofrecer unha atención cada vez máis segura, empática e personalizada para toda a poboación de referencia.

Comparte este artigo