- Encomia a traxectoria e papel de José García Costas como interlocutor e ofrece a colaboración do Goberno autonómico
- Sinala como desafíos o absentismo laboral, cubrir as vacantes laborais, a axilización de trámites administrativos ou axeitar a formación ás demandas do mercado laboral
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe o papel fundamental das Cámaras de Comercio como aliadas estratéxicas para afrontar os retos do tecido produtivo galego.
Durante a súa participación na conmemoración do 140 aniversario da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, o titular do Executivo autonómico felicitou de xeito especial ao presidente da entidade, José García Costas, pola imposición da Medalla de Ouro da Cámara de Comercio de España tras máis de sete décadas de dedicación profesional, dos cales 25 foron á fronte da institución cameral. A este respecto, o presidente afirmou que este é un “recoñecemento pola súa traxectoria”, encomiou o seu papel como interlocutor e ofreceu a colaboración da Xunta “para todos os retos que temos por diante”.
Neste sentido, Rueda sinalou algúns dos desafíos aos que se enfronta o tecido produtivo galego, como o absentismo laboral, cubrir as vacantes laborais, a axilización de trámites administrativos ou “dar unha formación axeitada ao que pide o mercado laboral”.
Cómpre lembrar que o Goberno galego ten o compromiso de actuar como unha Administración facilitadora que axude a crear emprego de calidade, xerar contornas favorables para o investimento e apoiar aos emprendedores e autónomos, desenvolvendo máis solo empresarial e apoiando a internacionalización e o I+G+i.

